Filatelia para divulgar a figura de Emilia Pardo Bazán
A Real Academia Galega é unha das institucións colaboradoras do concurso de artes plásticas convocado baixo o lema Dona Emilia, onte e hoxe, dirixido a persoas socias de Asperga e Aspronaga. O presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, entidade que se sumou con esta convocatoria á celebración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, presentou os traballos gañadores ao presidente da RAG e director da Casa-Museo da escritora homenaxeada.
Víctor F. Freixanes recibiu a José Luis Rey Barreiro na rúa Tabernas da Coruña nas vésperas da celebración do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, que reunirá do 25 ao 29 de outubro na Coruña e Santiago de Compostela unha importante representación das grandes voces expertas na vida e na obra da escritora coruñesa. O encontro cadrará coa inauguración na súa cidade natal da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade, á que a RAG e a Casa-Museo achegan un importante número de pezas.
O concurso da Sociedade Filatélica da Coruña recoñeceu as creacións de Violeta González (primeiro premio), Josefina Dasilva (segundo), Martín Rodríguez (terceiro) e Ismael Souto (accésit). As distinguidas cos tres premios foron reproducidas nunha tarxeta prefranqueada e nun selo sobre Emilia Pardo Bazán que contan con cadansúa tiraxe de 1.200 exemplares.