Go to page content
  1. EPB's archive

Fondo EPB

A RAG custodia o arquivo persoal de Emilia Pardo Bazán, composto por uns mil documentos que constitúen un patrimonio de valor incalculable do que se nutren investigadores de todo o mundo. A Academia recibiuno en 1971 por disposición testamentaria de Blanca Quiroga Pardo Bazán, filla da autora, xunto a outros cinco mil documentos familiares. Estes últimos inclúen os arquivos persoais dos fillos, o home e o xenro da escritora e mais unha rica documentación patrimonial, a máis abondosa.

Manuscritos

Deixando á marxe a documentación persoal e patrimonial de Emilia Pardo Bazán e da súa familia, o arquivo da autora suma máis de mil documentos relacionados coa súa actividade como escritora que integran a maior colección do mundo sobre ela. Abrangue apuntamentos sobre as súas obras, numerosos manuscritos de novelas, contos, artigos, leccións e textos teatrais, galeradas dos seus principais títulos, e tamén inéditos e mesmo receitas que recompilou nos seus libros de cociña.

O arquivo permite seguir a evolución literaria de Pardo Bazán. Aínda que é recoñecida sobre todo como narradora, comezou escribindo poesía. A RAG conserva versos manuscritos da súa autoría do ano 1866, cando con só quince anos escribiu Himnos y Sueños. Tamén a unha idade temperá fai pequenas incursións no campo da dramaturxia, con títulos como Adriana Lecouvreur, unha traxicomedia en cinco actos.

Todos os seus textos anteriores a 1900 son autógrafos. É o caso dos orixinais de novelas como La Tribuna (1883), do que se conservan 178 follas; ou La piedra angular (1891), e de contos como Las siete dudas, no que se observa o labor sistemático de corrección de Emilia Pardo Bazán na procura da excelencia literaria.

Co novo século, a autora, sempre atenta aos avances tecnolóxicos, comeza a escribir á máquina, a ferramenta elixida para plasmar sobre o papel títulos como La quimera (1906), con moreas de anotacións manuscritas que facilitan o rastrexo do proceso de creación dos textos. 

A variedade e amplitude da súa obra abrangue tamén unha inxente produción de artigos e ensaios, algúns deles suficientemente relevantes para entender a vida persoal, a obra e o contexto histórico da intelectual, como A Cuestión Palpitante ou Dos tendencias nuevas en la literatura rusa : el hampa y la bohemia (Maximo Gorki): la conciliación pagano-cristiana (Demetrio Merejkovski)].
 

Correspondencia

Da correspondencia persoal de Emilia Pardo Bazán, que foi moi abondosa, só se conservan no seu arquivo persoal cinco borradores de misivas escritas por ela e dez recibidas. A estas hai que sumar as 85 cartas autógrafas que enviou á súa amiga e comadre Carmen Miranda, adquiridas pola RAG no ano 2018 e que poden consultarse no apartado “Outros documentos” desta sección.

Entre as cartas que chegaron á Real Academia Galega a través da doazón do seu arquivo por parte da filla da escritora, atópase un borrador no que Pardo Bazán se dirixe ao rei Afonso XIII para lle agradecer a concesión da Banda da Orde de María Luísa (1914), ocasión que aproveita para reivindicar os dereitos das mulleres. 

En canto á correspondencia recibida, figura unha carta de visita de Juan Ramón Jiménez dirixida a Pardo Bazán, ou a carta que o alcalde da Coruña Manuel Casás lle envía en 1916 para felicitala polo seu nomeamento como primeira catedrática universitaria de España.
 

Fotografías

Fotografías de Emilia Pardo Bazán e instantáneas dos seus fillos Jaime, Blanca e Carmen; os seus pais, José Pardo Bazán e Amalia de la Rúa; o seu xenro José Cavalcanti, entre outros familiares, son parte do álbum fotográfico do fondo Emilia Pardo Bazán. Moitas imaxes son retratos de estudio, pero tamén hai entre elas instantáneas realizadas en espazos íntimos como as Torres de Meirás, a residencia de verán que a escritora construíu en Sada. Todas elas facilitan a visualización da contorna vital da autora e do modo de vida da súa clase social na segunda metade do século XIX e primeiras décadas do XX.

Completan o conxunto unha serie de imaxes do castelo de Santa Cruz, vinculado á familia do seu home, e unha pequena colección de retratos de membros da familia real.