Go to page content
  1. EPB's archive

Outros fondos

Ademais dos documentos conservados no arquivo persoal de Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega custodia noutros fondos cartas manuscritas e fotografías da autora ou relacionadas con ela. Pola amplitude e o contido, cómpre salientar as 85 misivas que a escritora lle enviou durante catro décadas á súa amiga e comadre Carmen Miranda.

Correspondencia

A maior parte da correspondencia de Emilia Pardo Bazán custodiada no arquivo da Real Academia Galega atópase fóra do seu fondo persoal, no que só se conservan cinco borradores de cartas escritas por ela e dez recibidas. Este conxunto, repartido entre distintos fondos, está composto por un total de 132 cartas e postais enviadas pola escritora a diversos destinatarios. De especial interese é o conxunto de 85 cartas dirixidas á súa amiga e comadre Carmen Miranda, adquiridas pola institución mediante compra no ano 2018. Estas cartas, escritas entre 1870 e a segunda década do século XX e enviadas desde A Coruña, Meirás, Mondariz, París e Madrid, permiten explorar o universo íntimo e cotián da escritora. Nelas fala da morte de seu pai; de como era o seu día a día durante as súas estadías en París ou as súas frecuentes viaxes a outros lugares. 

A correspondencia de Emilia Pardo Bazán a Carmen Miranda está asinada e atópase en bo estado de conservación. Moitas cartas foron escritas en papeis con diferentes cabeceiras, como as da revista Nuevo Teatro Crítico, que ela mesma editou e redactou entre 1891 e 1893, hoteis ou balnearios. Neles a escritora deixou valiosas referencias biográficas, e tampouco faltan as alusións á súa vida intelectual.
 

A receptora desta correspondencia pertencía a unha familia de rendeiros e estaba casada con Jacobo Pedrosa y Ulloa, un dos principais xefes do carlismo galego. Por este motivo tamén se pode atopar nestas cartas algún comentario interesante sobre a militancia tradicionalista de Emilia Pardo Bazán. Contan, ademais, coa curiosidade de permitir coñecer de primeira man a relación da novelista coa moda feminina da súa época, pois moitas xiran arredor do intercambio de noticias e apreciacións sobre esta, e algunhas delas ata inclúen bosquexos de vestidos realizados pola propia Emilia Pardo Bazán.

No arquivo da RAG tamén se conservan, fóra do seu fondo persoal, oito cartas dirixidas ao poeta Eduardo Pondal (sete no arquivo de Parga Pondal e unha no fondo de Eduardo Pondal); quince cartas e postais de Pardo Bazán dirixidas a José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colaborou no deseño e na decoración das Torres de Meirás; nove a Marcelino Dafonte , director de La Voz de Galicia, oito do deputado Luis Vidart  e sete máis dedicadas a Ramón Platas,administrador das fincas de Vilasantar, e outros.

Fotografías

O conxunto de fotografías e postais do arquivo da Real Academia Galega relacionadas con Emilia Pardo Bazán complétase con 33 documentos que non pertencen ao seu fondo persoal. Entre eles poden verse imaxes da autora escribindo, paseando polos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, un retrato de infancia, outro coas súas amigas Felipa Rebellón e Jacoba Calderón e varias fotografías familiares. 

Unha escena de caza na granxa de Meirás antes de se levantaren as torres, outra do momento da súa construción ou postais históricas do monumento de homenaxe a Pardo Bazán na súa cidade natal forman tamén parte deste conxunto esparexido por distintos fondos documentais do arquivo da Real Academia Galega.