Go to page content
  1. News

Unha ópera para «La Tribuna» de Emilia Pardo Bazán

A antiga Fábrica de Tabacos, convertida na nova sede da Audiencia Provincial da Coruña, acolleu onte a presentación do libreto La Tribuna, adaptación operística do compositor Gabriel Bussi e o escritor Javier Ozores da novela homónima de Emilia Pardo Bazán publicada en 1883, cuxo escenario protagonista é precisamente este espazo no que traballaron desde o século XIX milleiros de cigarreiras como Amparo, a protagonista desta ficción literaria. No acto, coorganizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Real Academia Galega / Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, o público puido escoitar dúas pasaxes da ópera na voz da soprano Teresa Nóvoa, acompañada no piano por Haruna Takebe.

Gabriel Bussi, a pianista Haruna Tabeke e a soprano Teresa Nóvoa nun momento da presentación musical. Fonte: Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

O libreto converte en ópera a coñecida obra de Emilia Pardo Bazán, a primeira interpretación literaria do mundo laboral, e feminino, en España. A historia ten como protagonistas as cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña, a Marineda de Pardo Bazán, que foron parte da elite do proletariado fabril galego.

Pola esquerda, Javier Ozores, Víctor F. Freixanes, Xulio Ferreiro, Miguel Ángel Cadenas, Juan José Martín, Carmen Colmeiro e Gabriel Bussi. Fonte: Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

Xunto aos autores do libreto, na presentación interviñeron o presidente do Tribunal de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes; o director xeral del Xustiza, Juan José Martín Álvarez, e a condesa de Pardo Bazán, Carmen Colmeiro. As entidades implicadas prevén tamén colaborar na creación dun espazo expositivo na actual sede da Audiencia Provincial sobre Emilia Pardo Bazán, a Fábrica de Tabacos e as cigarreiras, e a novela que a autora lles dedicou.

O público encheu a sala da Audiencia Provincial da Coruña onde se desenvolveu o acto. Fonte: Casa-Museo Emilia Pardo Bazán