Correos presenta na casa de Pardo Bazán o selo conmemorativo do seu centenario
A sede da Real Academia Galega e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolleu a presentación do selo conmemorativo do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán. O presidente da RAG e director da Casa-Museo da escritora, Víctor F. Freixanes, e o director de filatelia de Correos, Jordi Escruela, deron a coñecer esta edición especial que sae á rúa cunha tiraxe de 160.000 exemplares.
Con esta emisión, Correos quere render unha homenaxe a esta muller literaria e pensadora, considerada unha adiantada ao seu tempo na reivindicación dos dereitos da muller, explica a compañía. Tras a presentación do selo, Jordi Escruela convidou o presidente da RAG a realizar a cuñaxe de honra. O acto rematou cunha visita á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.
O deseño filatélico amosa o rostro de Pardo Bazán enmarcado no símbolo de Venus na cor morada do feminismo e no fondo reproduce parte dun texto da autora na que sobresaen palabras destacadas da súa vida e do seu pensamento como “dereitos” e “mulleres”.
“Con esta emisión, Correos quere facer unha homenaxe a esta muller literaria e pensadora, considerada unha adiantada ao seu tempo na reivindicación dos dereitos da muller”, explica Correos.
O selo ten un valor de 2 euros e forma parte dun Prego Premium con 8 unidades. Pódese adquirir nas principais oficinas de Correos, contactando co Servizo Filatélico no correo electrónico atcliente.filatelia@correos.com ou chamando ao 91 519 71 97.