46 cartas a Emilia Pardo Bazán dende Valladolid
Corenta e seis cartas a Emilia Pardo Bazán. Este é o agasallo que as persoas participantes nos faladoiros literarios do programa municipal do Concello de Valladolid de aprendizaxe ao longo da vida entregaron na súa visita á Casa-Museo da autora, nun fermoso acto no que se leron algunhas destas misivas. Todas elas foron escritas tras a lectura da novela Insolación e El encaje roto: antología de cuentos de violencia contra las mujeres, a escolma de relatos de Pardo Bazán a cargo de Cristina Patiño.
As persoas participantes nesta experiencia coméntanlle a Pardo Bazán o que as emocionou, divertiu e estimulou destas lecturas, e tamén as preguntas que se fixeron a partir do que ela reflectiu nas devanditas obras. Títulos que, coma o conxunto da súa bibliografía, demostran “a vixencia dos seus pensamentos e reivindicacións”, expresan na presentación do caderno que reúne todas as cartas. A actividade completouse coa redacción dunha misiva asinada pola propia autora na que dona Emilia agradece as observación dos atentos lectores e lectoras.