Go to page content
  1. News

Oito lecturas para o 102 cabodano de Emilia Pardo Bazán

Fai hoxe 102 anos, o 12 de maio de 1921, deixábanos Emilia Pardo Bazán. Marchaba a muller que mais traballou para conseguir ser quen ela quería ser: protagonista, batalladora, ambiciosa, capaz. Como homenaxe a esta coruñesa universal, presentamos 8 publicacións que abranguen o mesmo obxectivo, amosar a súa capacidade. As 8 conseguen o mesmo, o noso abraio ante esa mesma capacidade.

 

ACOSTA, Eva. Emilia Pardo Bazán: la luz en la batalla. A Coruña: Ediciones del Viento, 2021. 

Luminosa biografía que alumea a batalla de Emilia para ser fiel a si mesma, como lle aprenderan na casa. Eva Acosta goza ao elaborar a primeira biografía completa e documentada sobre a personaxe e fai gozar quen a le. Recoñécese nela a dimensión de quen, medindo 1,50 m. resultou ser unha das grandes. “La luz en la batalla” é a tradución ao castelán do lema que a propia Emilia incorporou no seu emblema sobre o debuxo dunha quimera. A clareza en medio do caos; a lucidez na acción.

ALEIXANDRE, Marilar, LÓPEZ SÁNDEZ, María. Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán Vigo: Galaxia, 2021 

Penetrante ensaio de magnífico título no que se analizan as ideas feministas de quen tanto contribuíu a mover os marcos do patriarcado. Emilia foi quen de identificar e visibilizar mecanismos, trampas -asumidas socialmente e por iso difíciles de detectar- nas que termaba a asimetría da discriminación por sexo -e os seus derivados- e aproveitaba calquera ocasión para incorporalas aos seus textos. Estes adquiren carácter de realidade contemporánea, ao sorprenderen pola súa modernidade. Tamén se analizan as bases do pensamento global de EPB que acreditan a súa incorporación á intelectualidade galega, como é preceptivo. Está publicado orixinalmente en galego e conta tamén con tradución ao castelán.

BURDIEL, Isabel. Emilia Pardo Bazán. Madrid: Taurus, 2019 

Ao longo de varios anos, a catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Valencia afondou na figura e o calado intelectual de Emilia Pardo Bazán (que o pleno da RAE acabaría por premiar no apartado de “investigación filolóxica”) e, coa súa admirable lucidez, incorporouna e situouna, ao fin, nun lugar de seu nos discursos ideolóxicos da época. Amosou a mesma lucidez como comisaria da espléndida exposición conmemorativa do centenario do pasamento da biografada.

CANOSA María. Emilia Pardo Bazán: unha mente poderosa. Ilustracións de Bea Gregores. A Coruña: Bululú, 2021.

Edición en castelán e en galego pensada para a xente nova, aínda que é moi atractiva para toda a comunidade lectora. Ademais do impecable labor de síntese biográfica e da forza e fermosura das imaxes, resulta especialmente interesante que se salienten aspectos do carácter de Emilia, como o gusto pola lectura, a curiosidade, o estudo e a capacidade de traballo, que xunto co amor dos seus proxenitores, continúan a ser hoxe en día valores indispensables para unha formación de calidade.

PALMER Alicia. Emilia Pardo Bazán. Ilustracións de Weronica Hanzyc. Barcelona: Cascaborra, 2021.

As dúas autoras souberon da dificultade de cinguirse a un espazo previamente delimitado cando se trata de rexistrar a biografía de Pardo Bazán, porque esta muller foi un exemplo de actividade, superación e independencia. O cómic relata como aquela señora ilustrada de provincias evolucionou -como todo o que está vivo- para chegar a ser recoñecida como a escritora mais importante da Europa do século XIX. Foi este un traballo realizado no confinamento, polo que a páxina web da Casa-Museo e a súa visita en 360º ofreceu moitos ambientes interiores para escenas que puideran ter sucedido na realidade. Nelas as pezas da Casa foron testemuñas mudas. Ai se puidesen falar!

PARDO BAZAN, Emilia. El Encaje roto: antología de cuentos de violencia contra las mujeres. Prólogo de Cristina Patriño Eirín. Zaragoza: Contraseña, 2018.

De entre os mais de 600 relatos curtos firmados por Pardo Bazán, Cristina Patiño seleccionou algúns dos mais característicos da escritora, nos que escribe sobre un tema penosamente actual. Neles revela ao público lector moitas das diferentes violencias que se exercían (exercen?) contra as mulleres, que son tantas como matices amosa quen observa e escribe; as pezas son sutís, demoledoras, directas, retóricas, elocuentes ou sobrias. Todas elas son Emilia Pardo Bazán. Tería motivos para ser especialmente sensible a ese tema?

La Literatura de Emilia Pardo Bazán. José Manuel González Herrán, Cristina Patiño Eirín, Ermitas Penas Varela, editores A Coruña : Real Academia Galega, [2009] 

Un excelente equipo de especialistas pardobazaniano coordina A Literatura de Pardo Bazán, entendendo literatura como o compendio de arte, política, coñecemento, re-coñecemento, xéneros, estilos, materias, profesionalidade e personalidade da nosa autora. Segundo palabras do propio Xosé Ramón Barreiro, anterior presidente da RAG e director da Casa-Museo, “este é un volume de referencia para todo aquel que desexe estudar a obra de Emilia Pardo Bazán.”  

Catálogo da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Xulia Santiso, coordinadora. A Coruña: Real Academia Galega, 2008

Aparecen aquí, comentados, os obxectos que forman a Colección Emilia Pardo Bazán, que en boa parte se expoñen nos espazos para os que foron concibidos. O andar nobre da vivenda da familia Pardo Bazán de la Rúa, o lugar onde se volvía sempre, converteuse unha vez rehabilitado respectuosamente na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán -e o edificio completo en sede da Real Academia Galega- grazas á doazón das derradeiras descendentes da saga, o 4 de maio de 1956. A identidade dos que habitaban o lugar queda definida obxectualmente coas pezas que foran seleccionadas polos académicos. Poucos museos do Estado amosan tal cantidade de patrimonio auténtico, empregado na procura do genius loci.