Go to page content
  1. News

Sobre as amazonas da colección da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conserva dúas magníficas pezas nas que as protagonistas son as amazonas. Unha delas é o tapiz de Tomiris, e a outra, o chamado reloxo da amazona, será a que protagonice este texto. Sexa casualidade ou un feito intencionado, a presenza destas mulleres guerreiras na colección garda relación inescusable coa escritora e a súa obra.

Reloxo da Amazona. Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Nº cat 108. Fotografía: Daniel Puente Bello

Este fermoso reloxo de sobremesa, de bronce, de obradoiro francés e estilo entre neoclásico e imperio, é unha das pezas destacadas na colección. Pola data aproximada de factura (1830-1880) é moi posible que estea relacionado coas numerosas viaxes da escritora á capital francesa, e tamén que estivese presente na vida doméstica dos Pardo Bazán. Pero o interese deste obxecto non radica tanto no seu valor artístico, que tamén, coma no vínculo simbólico coa autora. Se as amazonas representan a muller independente e audaz, Emilia Pardo Bazán asimílase a esta imaxe cando lle escribe ao escritor ecuatoriano Juan Montalvo o 30 de marzo de 1881. A frase é o suficientemente gráfica como para ser destacada por Eva Acosta no íncipit da súa biografía sobre a escritora (La luz en la batalla, 2021):

"Yo soy una combatiente y una amazona, hecha a suprimir todo lo que la sepulta en melancolías incompatibles con el arte".

Como de preto estaría este reloxo cando Pardo Bazán sentaba a escribir?

Pero… existiron algunha vez as amazonas?

Na Grecia e na Roma clásicas, as amazonas eran un tema abondoso en mosaicos, murais, vasos cerámicos ou esculturas. Aparecen nos frisos do Partenón e mesmo hai bonecas amazonas atopadas en tumbas etruscas. Malia que poderían percibirse só como símbolos que representarían o caos, o antinatural dende a paradigma patriarcal (mulleres loitadoras), o certo é que non eran representadas con formas monstruosas como as hidras, harpías ou medusas. As amazonas aparecen sempre autónomas, valentes e fermosas, orixinarias dun mundo afastado onde tiñan poder. Pois ben, este mundo era real: as mulleres das imaxes e dos relatos correspóndense ás da cultura escita, composta por tribos diferentes (Plinio nomea vinte), estendidas, desde o século IX a. C. ata o IV da nosa era, por toda a estepa euroasiática, desde a actual Romanía (antiga Tracia) ata Henan no nordeste da China. Todas estas tribos compartían características comúns, entre elas a participación activa de ambos os sexos no día a día e tamén na loita.

Adrienne Mayor recompila en Amazonas, guerreras del mundo antiguo (2014) os textos clásicos que comezaron a escribir sobre esta caste de guerreiras... presentándoas baixo un groso manto de mitificacións. Os escritores que as citaban, da Grecia antiga, pertencían a unha época en que a Historia era patrimonio das divindades, que a compartían -ou non- cos mortais, polo que aqueles debían encomendarse ás musas antes de escribila. Así o fixo Homero (VIII a. C.) autor do primeiro texto coñecido que as nomea, A Ilíada; e sabemos por poetas posteriores a Arctino de Mileto (VIII-VII a. C.) que este lle dedicou a súa Etiópida ás mulleres guerreiras, narrando a loita da raíña Pentesilea e as súas amazonas xunto aos troianos contra os aqueos. Aristeas, Hesíodo, Píndaro, Eurípides, Esquilo... Todos aluden ás “audaces doncelas armadas”. Tempo despois, viaxeiros como Escilax de Carianda (s. VI a. C.) ou Herodoto de Halicarnaso (s. V a. C.) escriben sobre tribos seminómades nas que mulleres e homes guerreaban por igual. Estrabón, que chegou a vivir o século I, tamén escribe sobre elas.

Moitas destas historias/mitos sucedían ao redor do mar Negro (o Ponto Euxino), onde a partir do s. VIII a. C. os mesmos gregos fundaran colonias comerciais que provían a Occidente de obxectos, produtos, escravos, serventes, artesáns, viaxeiros... e historias do que sucedía máis aló, é dicir, nos territorios escitas.

Como recoñecer unha amazona. Iconografía.

O reloxo de Pardo Bazán posúe algúns dos referentes comúns da iconografía amazónica. En xeral, unha fermosa muller a cabalo (outro sinónimo do termo amazona) que pelexa contra un león non pode ser máis ca unha delas. No século XIX este tipo de loita amazónica converteuse nun tema común; chegou incluso a destacar nas esculturas monumentais do acceso ao Altes Museum de Berlín, obra de August Kiss de 1845.

Sarcófago.  Musei Capitolini. S. II. Inventario S 726

En distintos elementos destas representacións albíscanse aos pobos escitas que deron pé á lenda. O primeiro, o cabalo, que forma simbiose na vida destes nómades por ser un animal indispensable nas extensas estepas. De aquí procede a súa domesticación e cabalgadura, xurdida ao redor do 4.000 a. C. A destreza e axilidade na monta ratifícase na ausencia de estribos, que tampouco posúe a protagonista do reloxo da nosa autora.

Coñecemos mais aspectos comúns destes pobos escitas, emparentados cos antigos celtas, polas súas prácticas funerarias; distintas análises verificaron que as tumbas escitas, que reciben o nome ruso de kurgáns (moi semellantes ás nosas mámoas), están ocupadas nun 30 % por esqueletos de mulleres con feridas de guerra ao lado de armas habituais para o grupo: arcos bicurvos, carcajs de cintura, hachas sagaris e/ou labrys de dobre folla, ademais de escudos con forma de media lúa; os peltas tracios. Labrys e peltas tamén están presentes na amazona do noso reloxo, que en cambio vai vestida coa túnica curta grega, da mesma procedencia que o casco. Estes obxectos verifican unicamente as intencións do artífice, xa que as guerreiras escitas non usaban cascos emplumados e si pantalóns, igual que os homes. Nin o clima extremo nin a convivencia cos cabalos permitía outra vestimenta. Para protexer as pernas das rozaduras, os gregos preferían empregar o manto enriba das cabalgaduras, que tamén aparece perfilado na peza.

En cambio, podemos afirmar que o reloxo da amazona de Pardo Bazán (nº cat. 108) coincide coa iconografía empregada na Roma imperial, xa que túnica, casco, pelta e labrys aparecen en numerosos obxectos artísticos desta época, entre eles o sarcófago do Museo Capitolino (S. II. Inventario S 726) que reproduce as Guerras Mitriádicas de Apiano, obra que narra o rapto de Hipsicratea, esposa de Mitríades VI, e as súas amazonas, capturadas durante seis anos para participar no gran desfile vitorioso de Pompeio. Tamén na tumba todas as guerreiras amosan os dous peitos, algo común na arte, convertendo a amputación dun dos peitos nunha estraña hipérbole desenvolvida a través do tempo.

“Kämpfende Amazone” por August Kiss. 1845. Escaleira principal do Altes Museum. Berlín.

Alén dos detalles, a figura das amazonas chegou ata nós como sinónimo de afouteza, de aí a descrición de Emilia Pardo Bazán que realiza Rubén Darío (España contemporánea, 1901):

“esta brava amazona que en medio del estancamiento, del helado ambiente en que las ideas se han apenas movido en su país en el tiempo en que le ha tocado luchar, ha hecho ruido, ha hecho color, ha hecho música y músicas, poniendo un rayo rojo en la palidez, una voz de vida en el aire, a riesgo de asustar a los pacatos, colocándose masculinamente entre los mejores cerebros de hombre que haya habido en España en todos los tiempos.”