Go to page content
  1. News

MARÍA VÁZQUEZ, xunto con Ledicia Costas, conmemoran o aniversario de Emilia Pardo Bazán

O 16 de setembro cúmprense 173 anos do nacemento de Emilia Pardo Bazán. Na Casa-Museo queremos celebrar este día compartindo a colaboración de María Vázquez na serie recentemente estreada ‘Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe’, un conxunto de vídeos de curta duración nos que as voces convidadas len fragmentos e comentan o relato que elixiron.

O texto do conto está á vosa disposición nesta ligazón.

A actriz María Vázquez seleccionou o conto “Feminista” (1904), do que salienta: “é moi moderno e inspirador. Pode ser un chamamento á revolución” destacando a vixencia da autora e os seus textos aínda hoxe.  O texto narra unha historia que puidera ser, un apunte do natural, un sucedido, xustificando así unha trama que leva consigo unha gran provocación.

A actriz María Vázquez (Vigo, 1979), protagonista de Matria e gañadora de varios premios Mestre Mateo á mellor actriz e actriz secundaria por O club da calceta, Mar libre, Trote e Quen a ferro mata, así como Premio Ojo Crítico de Cine por Mataharis, elixiu pola súa banda o relato titulado “Feminista” na edición da recompilación Sud-Exprés y otros cuentos (1909). «Paréceme moi moderno, atrévese a cuestionar o matrimonio e fala do cambio de roles, pode ser un chamamento á revolución. Paréceme moi revelador, inspirador e iluminador», valora.

A serie continuará con Lúa Mosquetera (Miño, 1988), campioa do Poetry Slam galego e finalista do estatal e gañadora do premio ARitmar de Mellor Poesía da Galiza 2021 por “Anorak de pel de caribú”, incluído en Espíderman (2022); e Mario Obrero (Madrid, 2003), Premio de Poesía Joven Félix Grande por Carpintería de armónicos (2018) e Premio Loewe a la Creación Joven por Peachtree City (2021).

'Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe' reúne distintas voces que comparten e comentan relatos da escritora, elixidos entre as preto de 700 narracións breves que a autora publicou ao longo da súa vida.

'Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe'  é unha serie da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán realizada co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A música é cortesía de Gitano de Palo.