O poeta Mario Obrero le e comenta "Banquete de Boda" (1897) nun novo episodio de 'Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe'.
Mario Obrero (Madrid, 2003), Premio de Poesía Joven Félix Grande por Carpintería de armónicos (2018) e Premio Loewe a la Creación Joven por Peachtree City (2021), sinala que «reivindicar a beleza e a cultura é unha tarefa de todas. Soño cun país cheo de linguas respectadas e admiradas como o gran tesouro que son. Dende o galego de Rosalía, o galego de Lorca, o galego do mundo, o galego ceibe e rebelde!»
O texto completo do conto está á vosa disposición neste enlace.
Dende o afecto, o asombro e o compromiso, o mesmo que a súa linguaxe, Mario Obrero leu o conto “Banquete de boda” (1897); un relato que amosa toda a súa complexidade a través da mirada intelixente e sensible de Mario: Texturas, sabores sentimentos, gustos... e indixestións. «Emilia Pardo Bazán é capaz de falar dos homes que rexeitan un sistema de valores e un casamento heteronormativo, abre unha porta e unha fiestra moi interesante a pensar en termos de representación LGTB».
'Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe' é unha serie da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán realizada co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A música é cortesía de Gitano de Palo.
A serie continuará con Lúa Mosquetera (Miño, 1988), campioa do Poetry Slam galego, finalista do estatal e gañadora do premio ARitmar de Mellor Poesía da Galiza 2021 por “Anorak de pel de caribú”, incluído en Espíderman (2022).
Unha mestra da narración breve
Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe pon o foco nun xénero especialmente fecundo no conxunto da obra pardobazaniana. A escritora coruñesa publicou preto de 700 relatos, de temas e estilos moi variados, parte deles recompilados en dezaoito libros de narracións breves.
Un deles é Cuentos escogidos (1891), título que inspira o nome desta serie.