Marisol Donís presenta 'Anfitrionas. Crónicas y cronistas de salones'
- Thursday May 26, 2022
-
Xoves 26 de maio de 2022
18:00 horas
Casa - Museo Emilia Pardo Bazán
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolle o xoves 26 de maio, ás 18:00 horas, a presentación de Anfitrionas: crónicas y cronistas de salones 1890-1930. A autora, Marisol Donís, estará acompañada pola conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso. Ambas conversarán sobre unha obra que profunda nunha das poucas ocupacións nas que as mulleres da burguesía e da aristocracia europea podían ser protagonistas e mais na aparición dun novo xénero xornalístico arredor dela: a crónica social.
As reunións sociais nos propios domicilios destas mulleres, ao desenvolvérense en espazos afastados das institucións controladas polos homes, resultaron empequenecidas pola historiografía, “pero a sociabilidade, a intelixencia e a educación da anfitrioa empregábase na procura dunha atmosfera cultivada e activa”, salienta Xulia Santiso.
Foi o caso dos encontros organizados por Emilia Pardo Bazán, unha das mulleres das que fala Marisol Donís no volume editado por Turner. A escritora fixo do seu fogar na rúa Tabernas da Coruña e no de San Bernardo de Madrid lugares de encontro de numerosos persoeiros da vida política e cultural do momento. “Atender as pegadas de Emilia Pardo Bazán nesta faceta achega información sobre como ela mesma constrúe o seu propio lugar no mundo”, engade a conservadora.
Os outros protagonistas do libro son os cronistas de salóns –entre os que se atoparon dende Bécquer ata Juan Valera–, creadores dunha nova forma de facer xornalismo e xermolo da actual prensa rosa.