Go to page content
  1. The House-Museum
  2. Activities

Lorena Bembibre no ciclo de conversas na Casa-Museo: As mulleres na sanidade

  • Thursday November 4, 2021
  • 18:00 horas

    Salón de actos da Real Academia Galega

    Emisión en directo

A médica do CHUAC Lorena Bembibre Vázquez falará do sistema sanitario dende a perspectiva de xénero no encontro do mes de novembro do ciclo As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo, que terá lugar o xoves 4 de novembro de 2021 na rúa Tabernas, 11 da Coruña. A nova sesión do programa, coorganizado polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, dará comezo ás 18:00 horas. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala e poderá seguirse tamén en directo dende a canle de Youtube de Cultura da Coruña.

A especialista en medicina familiar e comunitaria conversará coa xornalista Cristina de la Vega no salón de actos da sede da RAG e da Casa-Museo Pardo Bazán sobre como cambiaron os roles de xénero nas institucións sanitarias, a feminización de determinados perfís profesionais, como o da enfermaría, ou cal é o protagonismo das mulleres na elaboración das políticas asistenciais.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Lorena Bembibre é especialista en medicina familiar e comunitaria, traballa como médica de urxencias no CHUAC e está moi vencellada a proxectos solidarios internacionais. Na actualidade traballa nun proxecto médico en Senegal da man da ONG Ecodesarrollo Gaia e desenvolve tamén un destacado labor divulgativo a través das redes sociais. Dende esa perspectiva, achegará unha visión dos problemas que sofren as mulleres para acceder ao ámbito sanitario nos países en vías de desenvolvemento.

A última última sesión do ciclo de conversas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán terá como convidada, o 2 de decembro, a escultora e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Soledad Penalta.