Go to page content
  1. News

A RAG achega 71 pezas á exposición do centenario de Pardo Bazán

A Real Academia Galega participará na exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad achegando case un terzo das 219 pezas que a conforman. A institución prestará libros, fotografías, correspondencia, obras de arte ou obxectos persoais da autora, ata un total de 71 pezas, á mostra que poderá verse a partir do 8 de xuño na Biblioteca Nacional de España (Madrid), e que chegará o 22 de outubro á Coruña. A colaboración nesta exposición insírese no programa de conmemoración do centenario do pasamento de Pardo Bazán da RAG, que custodia boa parte do arquivo e a biblioteca persoal da escritora. A Academia organiza ademais o Congreso internacional “Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois”, que se celebrará a finais de outubro na Coruña e Santiago de Compostela; e acollerá ata decembro, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, oito encontros con mulleres referentes nos seus respectivos campos profesionais, nun ciclo programado da man do Concello da Coruña.

Os representantes das institucións participantes na programación do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán posan nas escaleiras do Museo de Belas Artes da Coruña. Fonte: RAG
Emilia Pardo Bazán (Arquivo da RAG)

O presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo, participou hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña na presentación da programación do centenario de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921) canda o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Román Rodríguez e Anxo Lorenzo; a comisaria da exposición Emilia Pardo Bazán, el reto de la modernidad, a catedrática da Universitat de València e biógrafa da autora, Isabel Burdiel; o viceconselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid, Daniel Martínez; a directora xeral da Biblioteca Nacional de España, Ana Santos Aramburo; o director do comité científico do Congreso Internacional “Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois”, o catedrático emérito da USC e académico correspondente José Manuel González Herrán; o reitor da UDC, Julio Abalde; o primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, Juan Ignacio Borrego; e a condesa de Pardo Bazán, María del Carmen Colmeiro.

Henrique Monteagudo expresou a satisfacción da Real Academia Galega, como legataria e custodia dunha parte moi importante do legado de Emilia Pardo Bazán, polo esforzo conxunto que están a facer distintas institucións, tanto locais e autonómicas como estatais, para estaren á altura da celebración malia as “circunstancias difíciles” que se viven por mor da pandemia. “Dende a RAG queremos contribuír a que a conmemoración chegue a un amplo espectro da sociedade. Achegaremos un número importante de pezas á exposición promovida pola Biblioteca Nacional de España e contribuiremos ao debate intelectual arredor da escritora e á difusión do seu pensamento a través de distintos foros, cunha atención especial á ollada feminista da que Emilia Pardo Bazán foi unha pioneira”, salientou Henrique Monteagudo.

Exposición

A exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad amosará, xunto a fondos da Biblioteca Nacional de España, outras doce institucións e cinco prestadores particulares, pezas senlleiras da biblioteca e o arquivo da RAG, e mais a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán cedidas para a ocasión pola Real Academia Galega. Entre elas poderán verse manuscritos e mecanoescritos con correccións feitas á mans pola autora, como o orixinal de Selva [1913], a novela que deixou incompleta e inédita; o tamén incompleto “Apuntes para el absolutismo: teorías de gobierno: sistemas”, un texto de teoría política iniciado en 1877, onde a escritora pretendeu dotar de armazón filosófica o carlismo; numerosas fotografías, varias cartas autógrafas de Pardo Bazán adquiridas polas RAG e obras da súa biblioteca persoal, tanto títulos propios en versión orixinal como traducións como A Wedding Trip e The Swan of Vilamorta, publicadas en Estados Unidos en 1891 e que dan conta da presenza internacional que acadou; xunto a volumes doutros autores como La Terre (1887) de Zola, claro expoñente do naturalismo que tanto influíu en Pardo Bazán.

Dende a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega achega tamén á mostra vinte e cinco pezas, a maioría pinturas destacadas. Poderán verse, entre outras, o retrato da nai de Emilia Pardo Bazán, Amalia de la Rúa, pintado por Sorolla; ou os retratos de Joaquín Vaamonde da autora e dos seus fillos, Jaime, Carmen e Blanca, xunto ao cadro do mesmo autor que recrea a entrada de Emilia Pardo Bazán no Ateneo de Madrid. Vaamonde, autor da Xeración Doente, tivo como mecenas á propia Pardo Bazán, que o converteu no protagonista da novela La Quimera. Tamén formarán parte da exposición outras pezas da casa-museo como un cofre xoieiro estilo Luís XVI ou unha virxe do leite do s. XIV-XV en pedra policromada.

Un congreso con grandes especialistas internacionais

Cadrando coa chegada á Coruña da exposición, a Real Academia Galega reunirá do 25 ao 29 de outubro unha importante representación das grandes voces expertas en Emilia Pardo Bazán no Congreso internacional “Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois”, que organiza coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega e o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña. O encontro contará na xornada inaugural coas achegas de Darío Villanueva, catedrático emérito da USC e académico de número da RAE; Marina Mayoral, académica de honra da RAG e catedrática da Universidad Complutense de Madrid; e Dolores Thion, da Université de Pau. O programa continuará ata o mércores 27 de outubro na sede da Academia con relatorios sobre a narrativa da autora, as súas colaboracións na prensa ou cuestións sobre o seu pensamento como o europeísmo e a experiencia do urbano. 

Ángeles Ezama Gil (Universidad de Zaragoza), Jo Labanyi (New York University), Ermitas Penas Varela (USC), Marisa Sotelo (Universitat de Barcelona), Enrique Rubio Cremades (Universitat d'Alacant), Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty), Ana Freire (UNED), o académico e historiador Ramón Villares e a académica Marilar Aleixandre; ou Isabel Burdiel, entre outros especialistas, tamén participarán con relatorios que achegarán distintas perspectivas arredor da vida e da obra da autora ao longo de cinco xornadas que se complementarán con comunicacións breves e actividades culturais. 
O congreso continuará na USC o xoves 28 de outubro, nunha xornada centrada na curiosidade científica de Pardo Bazán con relatorios a cargo de profesorado da institución. Por último, o encontro que se desenvolverá o 29 de outubro no CCG, coa colaboración da Sección de Historia da Real Academia Galega, centrarase na ollada de xénero da autora.

Ciclo de conversas na Casa-Museo

A RAG colabora ademais co Concello da Coruña na organización do ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo. O programa consiste nunha serie de entrevistas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán nas que as oito convidadas falarán das súas respectivas traxectorias profesionais e das dificultades ás que tiveron que facer fronte tanto elas coma outras mulleres polo mero feito de selo. Tras as sesións protagonizadas pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a académica Marilar Aleixandre, o 6 de maio será a quenda da música Susana Seivane; o 3 de xuño intervirá a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro; o 2 de setembro, a delegada de Facenda en Galicia, Imelda Capote; o 7 de outubro, a que foi a primeira directora da Radio Galega, Rosa Martínez; o 4 de novembro, a xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, María de la Cámara; e o 2 de decembro, a escultora e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Soledad Penalta. Todas as entrevistas poderán verse na canle de Youtube de Cultura da Coruña.