Go to page content
  1. News

A exposición ‘Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade’ abre as portas no Quiosco Alfonso con máis de 70 pezas procedentes da RAG

A mostra Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade xa pode verse no Quiosco Alfonso da Coruña. A exposición ofrece un percorrido pola vida e a obra guiado, entre outras pezas, por máis de 70 pertencentes ao legado da homenaxeada que custodia a RAG na súa biblioteca e arquivo e na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. O presidente a Academia e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, e a directora de La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Marilar Aleixandre, participaron na inauguración, que cadrou na semana da celebración en Galicia do congreso internacional dedicado á escritora coruñesa co gallo do centenario do seu pasamento.

Na imaxe, participantes na inauguración da mostra. Ao fondo, un retrato de Pardo Bazán aos 16 anos procedente da súa Casa-Museo. Fonte: RAG

Fotografías, correspondencia, primeiras edicións, traducións e manuscritos e mecanoescritos con correccións feitas á man pola autora, como os seus Apuntes autobiográficos (1886), a novela Insolación (1889) ou Selva (1913), obra que deixou incompleta e inédita; ou o tamén incompleto “Apuntes para el absolutismo: teorías de gobierno: sistemas”, un texto de teoría política iniciado en 1877, onde Pardo Bazán pretendeu dotar de armazón filosófica o carlismo, son parte das pezas facilitadas pola Real Academia Galega á mostra que se poderá ver na Coruña ata o 18 de decembro tras pasar pola Biblioteca Nacional de España. A comisaria da mostra, a catedrática da Universitat de València Isabel Burdiel, artellou o discurso expositivo arredor de algo máis de 200 pezas, das cales máis dun terzo proceden da rúa Tabernas, do que foi o fogar da escritora na súa cidade natal, hoxe sede da RAG e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

A Biblioteca Nacional de España, Acción Cultural Española, a Comunidade de Madrid e a Xunta de Galicia coorganizan a mostra, coa colaboración da propia Real Academia Galega e o Concello da Coruña, co gallo do centenario do pasamento da escritora, nada na Coruña en 1851 e falecida en Madrid en 1921. Tras a súa estrea na Biblioteca Nacional o pasado mes de xuño, a exposición chega a Galicia cadrando coa celebración do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, coorganizado pola Academia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega. Este encontro reuniu durante tres días a especialistas de primeiro nivel na sede da Academia e continuou os días 28 e 29 de outubro en Santiago de Compostela con novas olladas á vida e á obra da homenaxeada. Na xornada celebrada no salón nobre de Fonseca púxose o acento na curiosidade científica de Pardo Bazán e na do Consello da Cultura Galega os eixes son o feminismo e a relación coa Galicia do seu tempo. 

Xunto a fondos da Biblioteca Nacional de España e doutras entidades e prestadores particulares, a mostra do Quiosco Alfonso amosa pezas senlleiras cedidas para a ocasión pola Real Academia Galega como o retrato da autora pintado por Gustav Wertheimer (1887); o da súa nai, Amalia de la Rúa, asinado por Sorolla; ou os retratos de dona Emilia e dos seus fillos, Jaime, Carmen e Blanca, realizados por Joaquín Vaamonde, autor da Xeración Doente que tivo como mecenas a propia Pardo Bazán, que o converteu no protagonista da novela La Quimera. O mesmo artista asina tamén o lenzo de 1897 que ilustra o momento en que Pardo Bazán se converteu na primeira muller en ofrecer unha conferencia no Ateneo de Madrid, adquirido hai uns anos pola RAG.

Tampouco faltan obras da súa biblioteca persoal conservadas na rúa Tabernas: títulos propios en versión orixinal, traducións como A Wedding Trip e The Swan of Vilamorta, publicadas nos Estados Unidos en 1891 e que dan conta da presenza internacional que acadou Pardo Bazán; e tamén volumes doutros autores, moitos deles dedicados por quen os escribiu, como La Terre (1887) de Zola, claro expoñente do naturalismo que tanto influíu na intelectual.

Forman igualmente parte da exposición outras pezas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán como un cofre xoieiro estilo Luís XVI ou unha inmaculada concepción tallada por María Luisa Roldán "A Roldana" (1652-1706), primeira escultora española coñecida; e unha virxe do leite do século XIV-XV en pedra dourada e policromada.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Marilar Aleixandre, participaron na inauguración da mostra xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e a comisaria, Isabel Burdiel.