A presentación da tradución ao galego de ‘La Tribuna’ pecha o Ano Pardo Bazán
O salón de actos da Real Academia Galega e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolleu hoxe a presentación da primeira tradución ao galego de La Tribuna, a terceira novela de Pardo Bazán. Publicada en 1883, esta obra está considerada a primeira incursión naturalista nas letras hispanas e a primeira tamén en reflectir a vida da clase obreira feminina, neste caso as cigarreiras da Coruña. A versión en galego, realizada por Valeria Pereiras, é froito da colaboración do Concello da Coruña e da Fundacións Luzes, e coa súa presentación pónselle o ramo á celebración do centenario do pasamento da escritora (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921).
O volume foi presentado este mediodía na rúa Tabernas, 11 da Coruña nun acto no que interviñeron alcaldesa da Coruña, Inés Rey García; o presidente da Fundación Luzes, Manuel Bragado; a tradutora e tamén autora das notas do libro, Valeria Pereiras; e os académicos de número Marilar Aleixandre e Manuel Rivas.
Marilar Aleixandre agradeceu ao Concello da Coruña e a Fundación Luzes que escollesen a casa de Emilia Pardo Bazán para presentar a versión en galego d’A Tribuna, a novela que «dá voz ás cigarreiras, ás mulleres que nese tempo cobraban a metade do salario dos homes, unha fenda que aínda non se fechou de todo». A edición constitúe unha achega que «entretece o Ano Emilia Pardo Bazán e o Ano Xela Arias pois, como afirmaba a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2021, o galego é unha lingua de cultura que pode producir literatura e ensaio e, asemade, acoller textos traducidos doutra lingua», engadiu a académica. «Xela e Emilia ou, cronoloxicamente, Emilia e Xela, empregaron a mesma imaxe, “sangue e auga”, para designar as emocións verdadeiras, a poesía de verdade», proseguiu a directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos de Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. «N’A Tribuna hai sangue, hai auga. O sangue das cigarreiras, chuchado polo monopolio real, en xornadas de dezasete horas; e a auga das bágoas polas humillacións no traballo, que Emilia documenta», concretou.
A alcaldesa Inés Rey salientou tamén o perfil pioneiro de Emilia Pardo Bazán e a pegada que deixou a cidade da Coruña na obra da autora á que neste 2021 se lle rendeu homenaxe con múltiples propostas. «Durante todo o ano quixemos achegar á cidadanía as múltiples facetas desta incrible autora honrando a súa memoria con medio cento de actos. Coido que non poderiamos ter un mellor epílogo que a presentación desta edición galega dunha das obras máis significativas de Emilia Pardo Bazán, unha obra clave que supuxo un antes e un despois na forma de retratar socialmente o ámbito urbano. A autora relatou esta cidade coma ninguén, dándolle toda a visibilidade á súas clases populares, co gran exemplo das cigarreiras», expresou.
A autora foi quen de reflectir con mestría o mundo das cigarreiras da Coruña tras compartir con elas moitas horas. «Emilia Pardo Bazán pasou dous meses na Fábrica de Tabacos “oyendo conversaciones, delineando tipos, cazando al vuelo frases y modos de sentir”, como contaría posteriormente nos “Apuntamentos autobiográficos” cos que prologaría Los Pazos de Ulloa (1886)», recorda Valeria Pereiras, cuxa edición incorpora un limiar e un epílogo inéditos escritos en cuartillas que se conservan no arquivo da Real Academia Galega.
Do congreso internacional á exposición do centenario
A Real Academia Galega custodia o arquivo persoal de Emilia Pardo Bazán, composto por uns mil documentos que constitúen un patrimonio de valor incalculable do que se nutren investigadores de todo o mundo; e mais boa parte da súa biblioteca persoal na rúa Tabernas da Coruña, a casa onde a escritora pasou a súa infancia e mocidade mergullada nunha atmosfera culta e liberal. O edificio é hoxe a sede da RAG e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que foi neste ano do centenario do pasamento da autora escenario dun congreso internacional que reuniu o pasado mes de outubro as principais voces internacionais especialistas na súa vida e obra.
A Real Academia Galega participou ademais na exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade achegando máis de 70 pezas e documentos. A mostra, coorganizada pola Biblioteca Nacional de España, Acción Cultural Española, a Comunidade de Madrid e a Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Coruña e a propia Academia, puido verse primeiro en Madrid e chegou ao Quiosco Alfonso da Coruña o pasado outono, cadrando co congreso internacional dedicado á autora homenaxeada.
En colaboración co Parlamento de Galicia, a RAG editou ademais A educación do home e da muller e outros escritos feministas, un volume coa tradución ao galego de varios artigos que dan conta do pensamento en materia de igualdade de xénero dunha muller adiantada á súa época.