Go to page content
Author and year
Ca. 1905-1910.
Material
Marfil, seda, encaixe e abelorios
Dimensions
24'5 x 42 cm

“Desde hace algunos años, he dado en la inofensiva manía de coleccionar abanicos. Esto de coleccionar algo es de las cosas que más entretienen en la vida, y yo debo al abanico las emociones de la caza y el gusto de poder, fundándome en mi colección preferentemente, desarrollar estas conferencias con lo cual demuestro que no soy del número de coleccionistas que tienen celos de todo el mundo y en su exclusivismo esconden su tesoro como pudiera un sultán esconder odaliscas”. Así comezaba Emilia Pardo Bazán o discurso “El abanico como objeto de arte” no Ateneo de Madrid o 31 de decembro de 1913, unha perfecta síntese do uso dos abanos en diferentes lugares e épocas da historia, na que confesaba o seu gusto por coleccionar estes obxectos.

Emilia Pardo Bazán viviu nun tempo en que os abanos ou abanadores formaban parte esencial do traxe feminino e mesmo constituían instrumentos de propaganda social, política e militar. Neste contexto, a autora non só os escollía pola súa beleza: “Yo, al formar colección, no he mirado sólo a reunir abanicos bonitos, sino que en ellos haya algo curioso y que caracterice bien el momento de la historia a que pertenecen”.

Dúas conferencias, un conto que leva por título “El abanico” –publicado en 1908 na revista Blanco y Negro– e as innumerables referencias a este obxecto de arte deixan tamén constancia escrita da importancia que Emilia Pardo Bazán lle daba. A colección da escritora, que se nutriu tamén de agasallos de diferentes persoeiros, quedou lamentablemente disgregada e perdida, despois de que a súa filla a doase á igrexa da Concepción de Madrid. Segundo diversas fontes, hai constancia da existencia dun abano que lle regalou a Pardo Bazán Benito Pérez Galdós con dedicatoria manuscrita e doutro dedicado por Rosalía de Castro.

A colección da Casa-Museo conta con tres abanos que pertenceron á escritora. O que aquí se amosa está formado por dezaseis varas. Na base é de óso cunha parte tallada en formas florais prateadas. As varas de marfil están enfundadas en seda e sobre elas está pegado o país ou paisaxe de aplicacións de encaixe e tule. Bordados de fío negro con motivos vexetais parten do encaixe ata a metade do país, flores e talos que levan cosidos pequenos abelorios prateados con formas circulares e estrelas.