Go to page content
Author and year
Séculos XIV – XV
Technique
Pedra calcaria tallada, dourada e policromada
Dimensions
93 x 49'5 x 27 cm
Other technical information
Inscricións: Debaixo da pedra maior da coroa aparece inscrita a palabra “Manach"

Esta Virxe do leite é a peza escultórica máis antiga do patrimonio da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Constitúe unha magnífica talla de transición ao Renacemento que, malia a rixidez de María e o neno Xesús que impide que se miren, consegue transmitir dozura nos rostros dos dous protagonistas a través das faccións e do uso das cores.

A representación da Virxe María aleitando a Xesús é unha imaxe recorrente na iconografía cristiá. Normalmente chamada Virgo Lactans ou Virxe do leite, gozou dunha gran popularidade durante o século XIV. Neste caso, nai e fillo están vestidos ao xeito gótico. Xesús suxeita un libro aberto que sinala coa man esquerda. María, coa dereita, recolle o peito e ofrécello. Na parte inferior do vestido da Virxe aparece unha inscrición que quizais se corresponda cunha secuencia dunha oración, coa marca do escultor ou co nome do doador.

Na coroa de María, de cobre con pedras puídas colocadas en cloissonné, destaca un novo detalle: a través dos cristais, na pedra central e nas dúas laterais, aprécianse motivos florais. Nunha destas últimas está inscrita unha palabra, “manach", da que se descoñece o significado.

O xornalista Eugenio Rodríguez de Escalera, coñecido como Monte-Cristo, alude a esta figura nunha das súas crónicas de sociedade na revista Blanco y Negro, na que narra un té vespertino na casa de Pardo Bazán na rúa Princesa de Madrid: “En el salón de los tapices, [...] la efigie polícroma de una hermosa Virgen bizantina [...]”.