Arca de talla
- Author and year
- José Quiroga, Finais do século XIX, principios do XX
- Technique
- Tallado en baixorrelevo
- Material
- Madeira de castiñeiro con ferraxes
- Dimensions
- 53'8 x 100 x 50 cm
Esta arca, tallada polo home de Emilia Pardo Bazán, José Quiroga Pérez de Deza, aparece na listaxe realizada en 1964 dos obxectos que se atopaban na rúa Tabernas. Nela indícase que o seu lugar está no salón principal da casa, na mesma sala onde se expón na actualidade, e que a autoría do moble é de José.
Do gusto e inclinación do marido da escritora pola escultura e o tallado queda constancia nunha carta da propia Pardo Bazán enviada ao pedagogo e filósofo Giner de los Ríos en 1876: “Pepe no ha presentado su estatuilla porque no se abrió aún el concurso para el monumento”. Tamén a revista ilustrada La Semana achega información sobre a súa afección: “Nuestro apreciabilísimo amigo el Sr. Quiroga (...) es un aficionado a la escultura que honra a Galicia y a su maestro D. Antonio Moltó. Poco tiempo hace que el Sr. Quiroga se dedica a tan díficil arte, y ya en la última exposición de Lugo sorprendió a los inteligentes con una figura de gran tamaño muy bien modelada, que representa a un carlista en armas y en la posición de en su lugar de descanso “.
O traballo de artesanía é unha afección común entre os fidalgos da época, unha maneira de dar liberdade á creatividade a través da madeira. A tapa desta arca demostra a delicadeza do traballo malia o carácter práctico dunha peza de grande utilidade nas casas do século XIX.
Na tapa da arca destaca o símbolo da cruz que responde á iconografía do castelo de Santa Cruz do concello de Oleiros, propiedade da familia Quiroga ata 1939, e na parte frontal da arca está situado o escudo da familia. A presenza de tres cerraduras, de ferro gravado a buril, remite a épocas en que esta clase de arcas gardaban as posesións de máis valor.