Go to page content
  1. News

A alcaldesa da Coruña abre o ciclo de conversas sobre as mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi este xoves a primeira convidada do ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo, no que participarán ata decembro oito mulleres de diferentes eidos. O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, inaugurou o programa, organizado polo Concello da Coruña en colaboración coa RAG co gallo do centenario do pasamento da escritora.

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán será o escenario de todos os encontros, como lugar de referencia que é "para todos aqueles que admiramos a obra de Emilia Pardo Bazán", destacou o presidente da Academia. "Este ciclo é unha oportunidade para reflexionar xuntos sobre a presenza da muller na sociedade contemporánea cen anos despois do discurso de Emilia Pardo Bazán. Entre outros valores, Emilia Pardo Bazán representa a reivindicación da muller libre, dona de seu, da muller que decide que facer coa súa propia vida", engadiu.

Inés Rey fixo tamén fixo fincapé na defensa da igualdade entre mulleres e homes de Emilia Pardo Bazán e mostrou a súa preocupación polos discursos negacionistas sobre o feminismo. "As mulleres temos moitas trabas que superar, como a de eliminar a dobre moral que existe arredor de nós. Non somos máquinas de ter fillos, podemos estar completas sen a maternidade, e por iso é importante seguir reivindicando a figura de dona Emilia", expresou.

Tras a sesión inaugural, as seguintes protagonistas do ciclo serán a académica Marilar Aleixandre e a música Susana Seivane; a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro; a delegada de Facenda en Galicia, Imelda Capote; a que foi a primeira directora da Radio Galega, Rosa Martínez; a xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), María de la Cámara; e a escultora e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Soledad Penalta.