Marilar Aleixandre aborda a situación das mulleres no mundo académico no ciclo de conversas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
O segundo encontro do ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo abordou a evolución da situación das mulleres no mundo académico dende os tempos da escritora ata a actualidade da man de Marilar Aleixandre, nunha charla coa xornalista Cristina Lombao. A académica advirte que “malia os grandes cambios sociais en materia de igualdade, hoxe segue a ser necesario lembrar, como dicía Emilia Pardo Bazán, que as mulleres teñen o mesmo dereito cós homes a sinalar con rastro de luz o seu paso polo mundo”. A escritora e catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela foi este xoves a segunda convidada do programa organizado polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, unha serie de conversas con mulleres referentes en distintos ámbitos que se estenderá, cun encontro mensual, ata decembro de 2021. A charla entre Marilar Aleixandre e Cristina Lombao pode verse na canle de Youtube de Cultura da Coruña, dende onde se emiten en directo todos os encontros. O 6 de maio e estará protagonizado pola música Susana Seivane, que conversará co xornalista Manuel Rodríguez.
Reivindicar que as mulleres teñen o mesmo dereito cós homes a sinalar con rastro de luz o seu paso polo mundo segue a ser necesario porque, cen anos despois do pasamento da escritora coruñesa, a ambición dos homes de chegaren ao máis alto no ámbito continúa considerándose unha virtude, mentres que nas mulleres se interpreta como unha manifestación de vaidade, apunta Marilar Aleixandre, que chama a atención sobre a realidade das mulleres no momento histórico que lle tocou vivir a Emilia Pardo Bazán para entender mellor a relevancia e o carácter pioneiro das súas achegas feministas.
As propostas de Emilia Pardo Bazán a favor dun ensino igualitario presentadas en 1892 no Congreso Pedagóxico foron derrotadas. Uns anos despois, no curso 1900-1901 só había 9 mulleres universitarias en toda España e 44 estudantes de secundaria. Non foi ata 1910, o ano en que Pardo Bazán foi nomeada conselleira de Instrución Pública, cando as mulleres puideron estudar o bacharelato e unha carreira universitaria sen teren que pedir un permiso especial, unha normalización legal que non veu acompañada da igualdade real.
“Hai que ter en conta que daquela o ensino secundario comezaba aos 10 anos, de modo que ata 1910 as mulleres quedaban excluídas a esa idade do sistema educativo. Os informes dos inspectores de ensino da época, estudados por Narciso de Gabriel, dan conta ademais de que había pais que lles pedían aos mestres que non ensinasen ás súas fillas a ler e, sobre todo, a escribir, porque manexar a escrita dá autonomía”, expón a académica. “Todos os avances das mulleres no acceso á educación viñeron marcados pola resistencia social, moitas veces por parte tamén dos compañeiros varóns, como sucedeu no ámbito universitario”, engade.
Emilia Pardo Bazán sufriu persoalmente a discriminación no ámbito académico. Cando en 1916 se converteu na primeira catedrática universitaria de España, só tres alumnos se matricularon con ela, e tamén viu como a súa candidatura á Real Academia Española era rexeitada en favor dun político sen relevancia literaria. Alén das demandas persoais, a autora prometeu seguir a loitar ata a “última gota de tinta” para acadar a entrada das mulleres na RAE, recorda Marilar Aleixandre, coautora de Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (Galaxia, 2021).
Na actualidade, reflexiona Marilar Aleixandre, “as estruturas ideolóxicas e de poder seguen a dificultar o camiño das mulleres para acadar os postos de maior nivel no ámbito académico”. Na universidade galega, con máis de cinco séculos de historia, nunca houbo unha reitora, as mulleres seguen a ser minoría nas cátedras e nas academias de todo o mundo a súa presenza tamén está moi por baixo do papel que desenvolven hoxe no mundo intelectual, pon como exemplo.
No caso da Real Academia Galega, institución da que Emilia Pardo Bazán foi presidenta de honra dende a súa fundación, o acceso das mulleres ao pleno tamén foi tardío. Francisca Herrera Garrido foi en 1945 a primeira muller elixida académica de número e a segunda, Olga Gallego, ingresou na RAG catro décadas despois. Malia a traxectoria histórica e o camiño que queda por andar, a situación é nestes momentos máis positiva ca noutras institucións semellantes, tras seren cubertas na última década seis cadeiras vacantes seguidas por mulleres, apunta Marilar Aleixandre. Neste momentos, tras o pasamento de Xohana Torres e Luz Pozo Garza, forman parte do pleno seis mulleres e foron nomeadas académicas electas outras dúas, de modo que 8 cadeiras dun total de 30, algo máis do 25%, son ocupadas por mulleres.
Marilar Aleixandre chama tamén a atención sobre o baixo número de mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Xela Arias, a protagonista deste ano, é a quinta nunha celebración inaugurada en 1963 con Rosalía de Castro. “E aínda así seguimos a escoitar cousas que nunca se din cando o elixido é un home. Cando se lle dedica o 17 de maio a unha muller, sempre hai quen o atribúe a cuestións extraliterarias!”, lamenta Marilar Aleixandre.