Go to page content
  1. The House-Museum
  2. Doce pezas de referencia

Emilia Pardo Bazán no Ateneo de Madrid. Cátedra de literatura contemporánea

Author and year
Joaquín Vaamonde, 1897
Technique
Óleo / lenzo
Dimensions
60 x 40 cm
Other technical information
Asinado polo autor. Inscricións: Restos dunha inscrición ilexible a lapis na marxe inferior esquerda.

Cunha paleta moi curta, en tons sepias próximos ao branco e negro, Joaquín Vaamonde executa esta peza a modo de “apuntamento do natural” deixando clara a rapidez de execución. Semella unha instantánea tomada da realidade. Este é seguramente o obxectivo, deixar constancia gráfica dun feito importante na vida profesional de Emilia Pardo Bazán, que lle pide ao seu amigo e pintor que a retrate exactamente como ela quere aparecer: a imaxe da primeira muller que imparte un curso na Escola de Estudos Superiores do Ateneo de Madrid (1887). Pardo Bazán aparece de pé, riseira, recortada contra o fondo, no estrado do salón de actos da institución á que tanto traballo custaba chegar.

Antes ca Pardo Bazán, desde esta tribuna só interviñera outra muller, Rosario Acuña, que ofrecera unha velada poética no ano 1884. Tres anos despois, Emilia Pardo Bazán sería a primeira conferenciante, cunha serie de intervencións editadas despois co título de La Revolución y la novela en Rusia. Estes relatorios constitúen o primeiro traballo sobre a novela rusa e a súa exposición pública en España. Concepción Gimeno de Fláquer, Blanca de los Ríos ou Sofía Casanova serán das poucas mulleres que ocuparán nos anos vindeiros esta mesma palestra1.

A propia Pardo Bazán volverá impartir máis adiante outras conferencias no Ateneo. A partir do curso 1896-1897, ano académico en que pronuncia once leccións sobre a literatura francesa, pasará a ser parte da súa Escola de Estudos Superiores. Chegará a ocupar a cátedra de Literatura Contemporánea de Europa e América, dentro da Sección de Literatura y Ciencias Históricas, e, no ano 1905, converterase na primeira muller socia de mérito do Ateneo Científico e Literario de Madrid.

1 Concepción Jimeno de Flaquer pronunciará aquí, entre outras, unha conferencia titulada «Las mujeres de la Revolución Francesa» en 1891 e outra titulada «El feminismo», publicada en Madrid en 1903.