Unha lección de Emilia Pardo Bazán no Ateneo de Madrid.
- Autoría e ano
- Joaquín Vaamonde, 1897
- Técnica
- Óleo e aguada / lenzo
- Dimensións
- 60 x 40 cm
- Outra información técnica
- Asinado polo autor/ Datado ao aparecer reproducido no xornal La Época (16-5-1897) / Nº cat. 282.
Cunha paleta moi curta, en tons sepias próximos ao branco e negro, Joaquín Vaamonde executa esta peza a modo de “apuntamento do natural” deixando clara a rapidez de execución. Semella unha instantánea tomada da realidade. Este foi seguramente o obxectivo, deixar constancia gráfica dun feito importante na vida profesional de Emilia Pardo Bazán; ofrecer a imaxe da primeira (e única) muller que impartiu un curso na Escola de Estudos Superiores do Ateneo de Madrid; na cátedra de Literatura Contemporánea de Europa e América, dentro da Sección de Literatura y Ciencias Históricas.
Pardo Bazán aparece de pé, riseira, recortada contra o fondo, no estrado do salón de actos daquela institución á que tanto traballo custaba chegar.
E malia todo, era a segunda vez que ocupaba este lugar; antes que ela só falara outra muller, Rosario Acuña, que ofrecera unha velada poética no ano 1884. En 1887 Emilia Pardo Bazán ía ser a primeira muller conferenciante, con tres relatorios, publicados despois co título de La Revolución y la novela en Rusia que constitúen o primeiro traballo completo sobre este tema (desde a orixe ata o espiritualismo e arredores) e a súa presentación no Estado español.
Nesta ocasión está a formar parte da Escola de Estudos Superiores do Ateneo no curso 1896-97; unha réplica desde o liberalismo ao control de liberdade de cátedra do goberno de Cánovas. Ela pronunciaría once leccións revisando a literatura contemporánea francesa.
Aínda faltan oito anos para que, en 1905, se converta na primeira muller socia de mérito, categoría que segundo o regulamento, outórgase aos socios de número que presten servizos eminentes á institución do Ateneo Científico e Literario de Madrid. Ao ano seguinte, en 1906, xa era Presidente da sección de Literatura.