Historia
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán sitúase na rúa Tabernas 11 da Coruña, no edificio brasonado do século XVIII que os pais da escritora adquiriron catro anos despois do seu nacemento no ano 1851. Nesta casa pasou a infancia e a mocidade mergullada nunha atmosfera culta e liberal, descubrindo o mundo a través dos libros da biblioteca familiar, e nela seguiría a vivir tras o casamento. Aquí, en pleno corazón do Barrio Alto –como lle chamaba á cidade vella de Marineda, a súa Coruña literaria –, dona Emilia escribiu boa parte da súas novelas, celebrou os famosos faladoiros dos xoves e foi anfitrioa de grandes festas, como as celebradas na honra de Miguel de Unamuno (1903). Nesta casa tiveron ademais a súa sede as direccións de La Revista de Galicia e a Sociedad del Folk-lore Gallego, da que Pardo Bazán foi presidenta dende a súa constitución no ano 1884.
O primeiro paso para a creación dun museo dedicado a Emilia Pardo Bazán remóntanse ao ano 1956 cando, trinta e cinco anos despois do seu pasamento, a filla e a nora, María de las Nieves Quiroga y Pardo-Bazán e Manuela Esteban Collantes y Sandoval, herdeiras finais da autora, asinan a acta de doazón do edificio á Real Academia Galega, que se compromete a preservar e divulgar o legado de quen fora nomeada presidenta de honra desta institución no ano 1906.
Tras o pasamento das dúas herdeiras, usufrutuarias do inmoble, este sométese a unha fonda rehabilitación a partir do ano 1971. O 22 de marzo de 1979 celébrase a inauguración da que será a nova sede da Real Academia Galega e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. O espazo museístico será reinaugurado en 2003 tras un rigoroso traballo de renovación na procura dun discurso acorde coas expectativas tanto académicas como do público xeral.
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán exhibe de xeito permanente unha serie de mobles, obras de arte, fotografías e outros obxectos conservados tanto no propio fogar coruñés da escritora como na súa residencia madrileña na rúa Goya, entre outras orixes. A exposición permanente tamén amosa manuscritos e outros documentos do arquivo de Pardo Bazán xunto a primeiras edicións das súas obras en distintos idiomas e volumes dedicados pertencentes á súa biblioteca persoal, da que a Real Academia Galega custodia preto de 8.000 volumes.
O percorrido expositivo achega ás persoas visitantes, a través do seu legado material, unha das grandes figuras da literatura universal da segunda metade do século XIX e comezos do XX, cuxa obra segue vixente cen anos despois do seu pasamento. A memoria histórica de Emilia Pardo Bazán preséntase no contexto histórico e social no que viviu, e trae tamén á actualidade a figura e a obra dunha muller pioneira tanto no pensamento que plasmou nos seus escritos como no seu xeito de vivir, valorosa en todas as súas dimensións. A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán constitúe, así mesmo, un espazo cultural de referencia na cidade da Coruña a través da programación de actividades diversas, sempre en diálogo coa sociedade.