Ir ao contido da páxina
  1. A Casa-Museo

A Casa

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán recrea o espazo íntimo da autora, cheo de lembranzas persoais e familiares, a través do mobiliario, as obras de arte, os libros e o resto de obxectos persoais da protagonista. O espazo de descuberta e creación literaria merece unha atención especial nun fogar sempre aberto ao diálogo e ás iniciativas culturais.

Recibidor

O vestíbulo marca o comezo do percorrido por unha Casa-Museo que permite afondar no universo de Emilia Pardo Bazán e nos costumes e gustos da sociedade fidalga urbana da época da que formou parte. Os tapices son un bo exemplo. O de maior tamaño foi tecido en Bruxelas a finais do século XVI. As demais pezas mesturan estilos de acordo co eclecticismo do século XIX, que permite xuntar nun mesmo espazo unha Virxe do leite tallada entre os séculos XIV e XV, mobles sobredourados de estilo isabelino e outros próximos á estética neoclásica, de liñas máis puras e con acabados de caoba e marquetería.
 

Os retratos da familia acompañan o de Emilia Pardo Bazán. Varios dos libros expostos foron escritos polo pai da autora, José Pardo Bazán, preocupado polo futuro do campo galego, e polo seu fillo Jaime. Outros relatan as recepcións de dona Emilia como anfitrioa nesta residencia e mais na súa casa de Madrid.
 

Salón

Nunha época en que o papel da muller como salonnière se esvaecía, Emilia Pardo Bazán recibía nesta casa e na que tiña en Madrid un bo número de persoeiros das esferas política e cultural do momento. Nesta sala tiveron lugar reunións de carácter cultural e literario, como as xuntanzas da Revista de Galicia (1880), da que foi directora; e da Sociedad del Folk-lore Gallego, que presidiu.

Aquí celebráronse, así mesmo, grandes festas nas que participaron figuras como o poeta Zorrilla e o presidente da I República Emilio Castelar, e tamén homenaxes como a que se lle rendeu a Miguel de Unamuno no ano 1903.

No espazo próximo á sala III pode verse unha reprodución fotográfica tirada durante o acto de doazón do fogar de Pardo Bazán á Real Academia Galega no ano 1956, que se celebrou na residencia de Blanca Quiroga Pardo Bazán na rúa Goya de Madrid.

Produción literaria

As obras de Emilia Pardo Bazán foron e son obxecto de lectura e de constantes estudos que se intensificaron nas últimas décadas. Os cinco espazos nos que se ordena esta sala inciden no impacto dos seus textos no seu tempo, que axuda a definir o panorama cultural e social de finais do século XIX e comezos do XX.

O primeiro espazo amosa unha visión global da obra de creación de Emilia Pardo Bazán e a posición da autora no mundo literario. As publicacións expostas proceden da biblioteca persoal da autora e comparten espazo cun conxunto de libros con dedicatorias de figuras relevantes da época.

O segundo contén material bibliográfico relativo ao feminismo; o terceiro céntrase na obra publicada na prensa por Pardo Bazán, cronista cultural incansable e crítica coa sociedade e coa política do seu tempo; e o cuarto está dedicado a Marineda, a Coruña literaria da autora. 

O último espazo está conformado por dous textos que relacionan a escritora coa Real Academia Galega. O primeiro constitúe unha referencia expresa a unha serie de artigos, publicados en 1896 en La Voz de Galicia, que pon de manifesto a polémica existente entre Manuel Murguía e a condesa. O segundo é a alocución na que Pardo Bazán agradece a presidencia honorífica da RAG coa que foi recoñecida.

Gabinete de traballo

Recréase aquí, a través de obxectos orixinais, o lugar de traballo de Emilia Pardo Bazán. Nesta sala de emocións privadas penduran das paredes retratos familiares, entre os que destacan os de súa nai, pintados por Sorolla e Vaamonde. Exponse, ademais, unha serie de cadros e fotografías dos escenarios onde viviu a familia canda un auténtico álbum de persoeiros vinculados á vida da escritora.

As vitrinas gardan, entre outras pezas, obras literarias que ela mesma consideraba relevantes e que enumerou nos seus “Apuntes autobiográficos”, o limiar da primeira edición de Los pazos de Ulloa (1886);  e outros documentos seleccionados polo seu carácter íntimo.
 

Patio

Neste espazo de reflexión e descanso convídase á lectura dalgunha das obras de Pardo Bazán ou sobre ela a disposición do público. Emilia Pardo Bazán cultivou con mestría distintos xénero literarios: novela, conto, ensaio, crónica... En todos eles a pegada galega é clara, tanto a través das personaxes e dos temas como nos escenarios. O coñecemento e o valor que lle concedía á paisaxe galega tamén queda de manifesto nos seus xardíns das Torres de Meirás, a súa residencia de verán familiar en Sada (A Coruña), que é evocada neste espazo de recepción.

O espazo de saída. A pervivencia histórica

O recuncho “Non deixes de ler” ofrece unha pequena compilación de títulos de referencia da autora e publicacións históricas e actuais que profundan na súa figura e na súa obra. Trátase dun recoñecemento literario e social, unha homenaxe ao labor da escritora por parte da súa Casa-Museo, que convida o público á lectura atenta e á redescuberta dun legado literario de valor universal.