Ir ao contido da páxina

A número 11 da rúa Tabernas da Coruña non só acubilla a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e o arquivo persoal da autora. O fogar da escritora na súa cidade natal, actual sede da Real Academia Galega, custodia, así mesmo, gran parte dos volumes da súa biblioteca. Son preto de 8000 dos títulos que adquiriu ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor da comunidade investigadora. Pero a biblioteca persoal de Pardo Bazán abrangue tamén os volumes que ficaron nas Torres de Meirás, a residencia de verán de Emilia Pardo Bazán, que caeu nas mans do ditador Francisco Franco no ano 1938. Todos estes libros, e mais os que poidan permanecer noutras vivendas do ditador, están protexidos tras solicitar a Real Academia Galega a súa declaración como ben de interese cultural (BIC).

Soldados retirando libros da biblioteca do Pazo de Meirás para salvalos do incendio do edificio en 1978, nunha fotografía de Xosé Castro

Catrocentos vinte títulos da biblioteca de Pardo Bazán conservados na RAG proceden do propio domicilio coruñés da autora, hoxe sede da súa Casa-Museo e da Academia, e outros 7463 chegaron desde as Torres de Meirás tras o incendio que sufriu o pazo no ano 1978. A día de hoxe, permanecen nesta residencia de Sada uns 3000 volumes que pertenceron á escritora, segundo a catalogación que se puido levar a cabo a partir das xestións promovidas pola Academia no ano 2015, contando coa colaboración de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña.

Libros expostos na Casa-Museo

A biblioteca de Pardo Bazán constitúe un patrimonio bibliográfico excepcional. Os libros que a compoñen dan conta dos amplos intereses e as relacións que a escritora mantivo con numerosos intelectuais coetáneos, moitos dos cales lle dedicaron as súas obras. A gran maioría dos volumes son primeiras edicións que abranguen, sobre todo, a literatura do Século de Ouro español, obras francesas e españolas do século XIX e de principios do XX e unha boa representación da literatura galega. Hai tamén volumes de filosofía, historia, socioloxía, guías de viaxes e unha ampla representación da época na que Pardo Bazán adoitaba colaborar. Entre eles destacan tesouros como o libro de Saavedra Fajardo Empresas políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do s. XVIII, ás que alude Pardo Bazán en Los pazos de Ulloa e das que seguramente o primeiro dono foi o seu avó Miguel Pardo Bazán.

Entre os volumes dedicados por autores e autoras foráneos figuran tamén Essays on Social Topics, unha serie de ensaios sobre os dereitos das mulleres e a ética sexual publicada arredor de 1900 por Tennessee Claflin, Lady Cook, sufraxista e primeira muller axente de bolsa estadounidense; ou L'Assommoir (A Taberna) de Émile Zola, novela saída do prelo en 1877. Emilia Pardo Bazán falaba francés, lía ademais en inglés e italiano e mesmo traduciu do alemán a Heine. O seu dominio lingüístico reflíctese tamén a través de títulos como Sonnets from the Portuguese (1890), de Elizabeth Barrett Browning; a Memorie autobiografiche do revolucionario Giuseppe Garibaldi; ou libros científicos como Le règne animal de George Cuvier, dedicado ao seu fillo Jaime Quiroga; e Cosmos de Alexander Humboldt nunha versión traducida ao francés.

Parte dos libros da biblioteca de Emilia Pardo Bazán custodiados pola Real Academia Galega