Ir ao contido da páxina
  1. Emilia Pardo Bazán

Biografía

Por José Manuel González Herrán Profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela
Académico correspondente da Real Academia Galega

Nun texto moi citado do seu libro Otras inquisiciones (1952), Jorge Luis Borges escribía que “como Joyce, como Goethe, como Shakespeare, como Dante, como ningún otro escritor, Francisco de Quevedo es menos un hombre que una dilatada y compleja literatura”. Recordando tan categórico ditame, na miña nota de presentación ó volume La literatura de Emilia Pardo Bazán (2009) atrevinme a propoñer algo que hoxe sigo mantendo: “Sin que pretenda comparar su aportación a las letras universales con la de cualquiera de aquellos nombres (todos ellos varones, por cierto), sí se me concederá que la obra de la escritora coruñesa constituye -en su amplitud, temática, genérica y estética- toda una literatura”.

Pero non é só a súa literatura, con ser o máis importante. Cando transcorreron xa cen anos do seu falecemento (en Madrid, o 12 de maio de 1921), o seu recoñecemento alcanzou unha dimensión universal, e unha valoración, en termos de calidade e vixencia, que, lonxe de minguar (como vemos, con lamentable frecuencia noutras figuras), se afianza e medra de maneira indiscutible.

Por iso non resulta fácil sintetizar o fundamental daquela impresionante muller, que, ademais de ser de unha das grandes autoras de relatos nas letras universais do seu tempo, cultivou, con notable acerto e amplísima difusión, as máis variadas modalidades literarias, ata o punto de que continúan reeditándose -e traducíndose- moitos dos seus libros (non só as novelas e os contos, senón tamén as crónicas xornalísticas, escritos de viaxes, historia e crítica literaria, libros de cociña…); e incluso suscitan o interese lector algunhas mostras menos coñecidas ou valoradas da súa inxente produción: poemas, pezas teatrais, biografías, estudos históricos, escritos de divulgación científica, ensaios, conferencias e discursos sobre os máis variados temas.

Con todo, hai unha dimensión da súa obra que, a estas alturas do século XXI (o século da muller, segundo moitos veñen profetizando), merece especial recoñecemento: a súa consideración como pioneira do movemento feminista, tanto nos seus ensaios, conferencias ou declaracións públicas, como -o que quizais sexa máis interesante e máis influente- no tratamento de personaxes ou na análise dos conflitos nos seus relatos, breves e extensos.

E é que, ao meu xuízo, na interpretación e valoración da figura e da obra pardobazaniana corremos o perigo de que, atafegados e impresionados pola súa amplitude e variedade, pola modernidade e vixencia de certas posturas ideolóxicas (non exentas de arestas que poden suscitar discusión e incluso rexeitamento), posterguemos ou esquezamos o principal e indiscutible mérito da súa achega ás letras europeas e universais: o seu extraordinario talento no cultivo da ficción narrativa, como autora de novelas e contos maxistrais, vertidos ás máis diversas linguas.

Deixando para outro lugar a minuciosa cronoloxía da súa vida e da súa obra, repasamos as liñas fundamentais que debuxan a personalidade literaria de Emilia Pardo Bazán.

Nacida na Coruña o 16 de setembro de 1851, os seus pais (José Pardo Bazán y Mosquera, Amalia de la Rúa Figueroa y Somoza) proporcionáronlle unha formación intelectual moi diferente, en extensión e profundidade, á daquela usual na súa condición social: a biblioteca familiar e outras que puido consultar espertaron nela unha temperá vocación literaria, que (á parte dalgúns versos infantís de temática patriótica, evocados por ela mesma nos seus “Apuntes autobiográficos”) deu a coñecer cando contaba entre catorce e quince anos: o conto “Un matrimonio del siglo XIX” (1865), o poema narrativo El Castillo de la Fada (1866), a novela Aficiones peligrosas (1866, escrita acaso dous anos antes). Iniciábase así unha dilatada carreira literaria que, durante de cincuenta e seis anos, superou os cento vinte títulos (de novelas, coleccións de contos ou poemas, ensaios, conferencias, discursos, pezas teatrais, libros de viaxes, folletos…), uns seiscentos trinta contos e incontables (entre dous mil cincocentos e tres mil) artigos xornalísticos. E conste que só me estou referindo ao publicado en vida da autora, posto que, ademais dalgunhas obras póstumas, aparecidas nos anos inmediatamente posteriores ao seu falecemento, agora sabemos que, entre a documentación persoal custodiada no arquivo da Real Academia Galega, hai un bo número de textos, algúns de indiscutible valía e importancia, que fomos coñecendo -ás veces, en edicións críticas, rigorosas e anotadas- nestes últimos anos.

Unha inxente produción na que historiadores e críticos coinciden en destacar determinados títulos; sexa pola súa indiscutible valía, sexa polo seu carácter representativo, sexa pola súa transcendencia ou influencia na literatura posterior, sexa pola súa difusión universal a través de traducións ou adaptacións aos medios audiovisuais, parece razoable recomendar: entre as súas novelas, as extensas La Tribuna, Los Pazos de Ulloa, La Madre Naturaleza, Insolación, Morriña, La piedra angular, Misterio, La Quimera, La sirena negra, e as  curtas Belcebú, La gota de sangre, La última fada, La Serpe; entre os ensaios de historia e crítica literaria, La cuestión palpitante, La Revolución y la novela en Rusia, La literatura francesa moderna, Porvenir de la literatura después de la guerra; das biografías, San Francisco de Asís; dos ensaios, La educación del hombre y la de la mujer, La España de ayer y la de hoy; os dous libros de cociña (La cocina española antigua, La cocina española moderna)… Máis difícil resulta seleccionar un dos seus libros de viaxes; e é totalmente imposible elixir entre os seus centenares de contos, algún dos cales merecen figurar en calquera antoloxía do relato universal.

En 1956, as herdeiras de Emilia Pardo Bazán (a súa filla e a súa nora) asinaban en Madrid un documento de doazón polo que, ao falecemento de amabas, pasaría a ser propiedade da Real Academia Galega o edificio que actualmente ocupa, na rúa Tabernas da Coruña, coa condición de preservar a memoria da escritora mediante a creación dun museo, o fomento da publicación dos seus escritos e a organización de actividades para o estudo e difusión da súa obra. Ao producirse en 1971 o falecemento da última herdeira, María de las Nieves (Blanca) Quiroga y Pardo Bazán, ademais daquela doazón, fíxose efectivo o seu testamento, que legaba á Real Academia Galega os dereitos de autor da escritora (vixentes ata 2001), así como os seus obxectos persoais, mobles e -quizais o máis importante- unha abundante documentación, formada por borradores, manuscritos, probas de imprenta corrixidas, recortes de prensa etc., que pasaron ao arquivo da Real Academia Galega. En 1978, unha boa parte da biblioteca da escritora, que permanecía no que ela sempre chamou “Torres de Meirás”, pasou a formar parte tamén da biblioteca da Real Academia Galega.

Todo isto -a casa, cos seus obxectos e mobles; os documentos; aqueles libros, aos que esperemos que se sumen pronto os que aínda permanecen en Meirás- constitúe o legado de Emilia Pardo Bazán, que a Real Academia Galega custodia e pon a disposición de visitantes, lectores e investigadores na Casa-Museo, no seu arquivo e na súa biblioteca.