Diálogo entre a música contemporánea galega e o pensamento de Pardo Bazán
- Miércoles 30 de marzo de 2022
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán é o escenario dunha das propostas do proxecto “Músicas inéditas en casas literarias”, un proxecto de investigación, interpretación e divulgación do patrimonio musical galego para guitarra inédito ou pouco coñecido. O fogar da escritora coruñesa acolleu a gravación das obras da compositora galega Gloria Rodríguez Gil (Vigo, 1972) interpretadas na guitarra clásica por Samuel Diz (Tui, 1986), na procura dun diálogo dende a música coa contemporaneidade do pensamento e a obra pardobazaniano. Sobre a experiencia falarán este mércores, 30 de marzo (18:00 horas), os dous artistas na propia Casa-Museo nun coloquio aberto ao público no que tamén se proxectará a creación audiovisual, dispoñible na canle de Youtube de Samuel Diz.
A conversa contará tamén con Beatriz Fontán, produtora de “Músicas inéditas en casas literarias”, e será presentada pola conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso.
A compositora Gloria Rodríguez Gil é titulada superior en composicións e orquestración polo Conservatorio Superior de Música de Barcelona e actualmente imparte aulas de linguaxe musical no Conservatorio Profesional de Música de Vigo. As súas obras para guitarra están publicadas nas editoriais Periferia Sheet Music e na galega Dos Acordes.
O guitarrista clásico Samuel Diz é un activo intérprete e investigador da música orixinal da Xeración do 27 e do patrimonio musical galego. Graduado no Conservatorio Superior de Música de Sevilla e máster en Patrimonio cultural e museoloxía na Universidade Internacional de Valencia, compaxina a súa actividade artística coa dirección do festival Música no Claustro, que se desenvolve na catedral de Tui. O seu último traballo discográfico, Memoria de la melancolía, foi gravado na Casa-Museo Huerta de San Vicente coa guitarra orixinal de Federico García Lorca. A empregada na gravación realizada na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán é unha reprodución exacta da que pertenceu ao poeta granadino.
“Músicas inéditas en casas literarias” é un proxecto da axencia e editorial Poliédrica realizado ao abeiro do fondo de proxectos Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.