Ir al contenido de la página
  1. Noticias

Os I Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías distinguen a Marilar Aleixandre

A directora da revista da Casa-Museo recibe o galardón na categoría de cultura

Os I Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, convocados pola Deputación de Pontevedra en colaboración co diario Faro de Vigo, distinguiron a escritora Marilar Aleixandre na modalidade de cultura. A académica de número da Real Academia Galega, directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, salientou no seu discurso na gala de entrega dos premios a ollada feminista da escritora coruñesa que lle dá nome a esta iniciativa, unha perspectiva de xénero que a académica incorporou sempre nas súas novelas. "Din que está de moda escribir sobre mulleres. Todas as novelas que escribín dende que comecei a facelo teñen ollada feminista porque non teño outra. O que cambiou é a ollada da sociedade", valorou.

Foto: Cortesía do Faro de Vigo

Marilar Aleixandre recolleu este recoñecemento pouco despois de ser galardoada co Premio Nacional de Narrativa do Ministerio de Cultura pola súa novela As malas mulleres (Galaxia, 2021), unha historia a varias voces de mulleres: a de Sisca, unha presa de 15 anos, e as de figuras como Concepción Arenal e Juana de Vega, dúas mulleres, coma Emilia Pardo Bazán, adiantadas á súa época. A novela saíu do prelo cadrando co centenario do pasamento de Pardo Bazán, a protagonista doutro dos seus últimos libros, o ensaio Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, que asinou xunto á académica electa María López Sández.

No seu discurso, Marilar Aleixandre defendeu tamén a importancia de que as mulleres accedan ao coñecemento para seren libres e a necesidade de seguir a loitar para garantir este dereito en moitos países onde aínda non se recoñece.

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán colabora nos novos premios da Deputación de Pontevedra e do Faro de Vigo, que recoñecen a figura de Emilia Pardo Bazán e o liderado de persoas e iniciativas que, dalgún xeito, seguen hoxe o ronsel dos valores da escritora coruñesa. A conservadora da Casa-Museo participou tamén na gala de entrega dos galardóns, celebrada na sede de Afundación de Vigo. Xulia Santiso entregou canda a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o galardón na categoría de feminismo a Priscila Retamozo, técnica de igualdade de xénero e coordinadora de Comando Igualdade.