172 aniversario de Pardo Bazán: un retrato da autora nas súas palabras
O 16 de setembro de 1851, ás nove e media da mañá, nacía -no número 3 da actual rúa Rego da Auga da Coruña- unha nena que contribuiría a cambiar a realidade que a rodeaba. Cento setenta e dous anos despois seguimos a lembrar a Emilia Pardo Bazán coa admiración que esperta a súa enorme capacidade de traballo e a súa autonomía profesional e vital. Escolmamos algunhas das súas palabras para debuxar a súa figura.
Do 13 ao 27 de outubro de 1892 celebrouse o Congreso Pedagógico Hispano-Portugués Americano, no Ateneo de Madrid, organizado polo tanto polos institucionalistas. Este, o segundo congreso pedagóxico que se celebraba en España, estaba en consonancia coa dinámica de atención á pedagoxía que se viña dando en toda Europa. A convocatoria resultou relevante, non só polo seu carácter internacional, senón polo papel preeminente que nela acadou a muller. Pardo Bazán, nomeada “vicepresidente” da Sección V, leu a Memoria que nos ocupa o día 16, e o 19 relatou un resumo dos relatorios e demais memorias que tiveron lugar. Así mesmo, lera a memoria asinada por Concepción Arenal, que non asistira ao Congreso.
La educación del hombre y la de la mujer (sus relaciones y diferencias) significa un exercicio de erudición e claridade ideolóxica, no cal se deteñen todas as biografías de Emilia Pardo Bazán.
Pardo Bazán, Emilia. A educación do home e da muller e outros escritos feministas Ed. Marilar Aleixandre. A Coruña: RAG e Parlamento de Galicia, 2021.
Máis de 1500 artigos de prensa escribiu Emilia Pardo Bazán ao longo da súa vida. Boa cifra para dar fe da súa consideración polo xénero xornalístico, única fonte regular de información naquel trepidante século XIX.
A calidade dos textos da escritora está fóra de toda dúbida; o seu estilo directo e franco, sen esquivar polémicas, conduce á aceptación por parte do público lector, o que se traduce non só no monetario –sabemos que en 1900 cobraba nalgunhas revistas 100 pesetas por artigo, cando a mensualidade dun empregado de comercio era de 300– senón que tamén leva consigo ter unha posición destacada no panorama sociocultural da súa época. Iso posibilita que os seus escritos poidan versar sobre os temas que ela considere e que sexa moi libre para publicar onde queira. E así sucede; actualidade, historia, feminismo, socioloxía, urbanismo, política, literatura, violencia de xénero, ciencia, música, pintura, teatro, lexislación, inventos, xeografía, heráldica, biografías, viaxes...
A recompilación de todos os artigos publicados en La Ilustración Artística, publicados pola Hemeroteca Municipal de Madrid (colección Testimonios de prensa nº 5) está nesta ligazón.
Emilia Pardo Bazán é, aínda hoxe, a escritora española con maior número de contos editados; superan os 700. Resulta imposible abarcar a riqueza de rumbos e voos que a mirada e a pluma da escritora souberon condensar nesas pequenas historias, pero en liñas xerais deixan patente esa actitude vital, sempre curiosa, que observa e comenta a vida que a rodea, nos contextos sociais e políticos da época. Por suposto hai mulleres protagonistas, e corte realista, e análise política, e mestría descritiva; pero sobre todo e por riba de todo, hai sensibilidade e un enorme espírito crítico. Tamén amosan a súa relación coa cultura galega, que coñece e relata, e tamén está moi presente a problemática da muller, que comeza a tratar con máis rigor e buscando o punto de vista real, non só o masculino, maioritario na literatura e, en xeral, na vida daquel momento. Este é un bo exemplo do que aquí se di.
Emilia foi a primeira muller catedrática de universidade. Foi o ministro Burrell quen creou en 1916 para a condesa a cátedra de Literaturas Románicas na Universidade de Madrid. Por Real Decreto, de 12 de maio de 1916, e a proposta do ministro Burell, dona Emilia foi nomeada “catedrático numerario de Literatura contemporánea de las Lenguas Neolatinas de la Universidad Central”, o que supuxo un fito na historia das mulleres en España, como a propia escritora recoñece con orgullo:
«Abrí a la mujer bastantes puertas, y ahora, las de la universidad».
Segundo os papeis conservados na Real Academia Galega, Dª Emilia impartiu un total de 40 leccións desde 1916 ata 1921. Malia os datos que se manexan da falta de alumnos nas súas aulas, comezan a chegar comentarios de familiares do alumnado que apuntaba á dificultade de entrar na aula dado o gran número de xente que se reunía nela.