Ir al contenido de la página
  1. Noticias

O II Certame de relato breve A Erbeda premia tres historias de dous veciños da Coruña e unha nena de Ordes

A Real Academia Galega acolleu a entrega dos premios do II Certame de relato breve A Erbeda, unha iniciativa que recupera o topónimo literario que Emilia Pardo Bazán lle deu ao barrio coruñés de Palavea e coa que se lle rende tamén homenaxe a unha autora que dominou con mestría a arte do relato curto. Xosé Nieto Castro, Ariadna Alcalde Mahía e Sabela García Santos son as tres persoas gañadoras do concurso organizado pola Asociación Veciñal Os Nosos Lares coa colaboración da RAG, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, do Concello da Coruña e das librarías Xiada, Moito Conto e Formatos. 

Pola esquerda, Álvaro Benedicto Pérez Sancho, Ariadna Alcalde Mahía, Sabela García Santos, Xosé Nieto Castro e Víctor F. Freixanes na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Fonte: RAG

O presidente da RAG e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, e o vicepresidente dos Nosos Lares, Álvaro Benedicto Pérez Sancho, entregáronlles os galardóns ás persoas premiadas nas tres categorías do certame.

Xosé Nieto Castro, veciño da Coruña e profesor de secundaria, fíxose co galardón da categoría de adultos co relato titulado "Tadla", unha narración de xénero fantástico. Na xuvenil, de 12 a 17 anos, a gañadora foi Ariadna Alcalde Mahía, alumna do IES Monte das Moas da mesma cidade, con "Luísa, muller", unha historia narrada de xeito poético sobre unha personaxe que se pecha en si mesma; e na categoría infantil o galardón é para Sabela García Santos, alumna do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes e autora de "Encerradas nun castelo", unha aventura protagonizada por tres nenas.