Ir al contenido de la página
  1. Noticias

Día dos Museos con música, visitas dramatizadas, contacontos e un agasallo

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán celebrará o Día Internacional dos Museos cunha programación especial que se desenvolverá o sábado 21 de maio ata a medianoite. Unha visita dramatizada, contacontos e música en directo son algunhas das propostas que terán lugar na rúa Tabernas, 11 da Coruña, no que foi o fogar a escritora coruñesa, adaptadas a públicos de todas as idades. A entrada é libre en todas elas ata completar a capacidade da sala na que terán lugar.

O propio Día Internacional dos Museos, o mércores 18 de maio, as persoas que participen na visita guiada á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán das 18:00 horas recibirán como agasallo un exemplar de La Tribuna, a novela da escritora que inmortalizou as cigarreiras da cidade da Coruña. Xa na fin de semana, o sábado 21 de maio a programación especial, desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, arrincará ás 18:00 horas cunha visita dramatizada para público familiar titulada “Emilia e Rosalía, veciñas”, na que Natalia Vázquez Crespo e Judit Barreiro Vilachán interpretarán un diálogo entre Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Ás 21:00 haberá un segundo pase para público xeral.

“Dona Emilia: unha muller de conto” é a proposta de Cristina Vázquez Santos, Cris de Caldas, na que se mesturarán os contos tradicionais con anacos da vida real da escritora. A contacontos tamén ofrecerá dous pases, un de 19:00 a 19:45 horas para o público familiar e outro de 21:30 a 22:30 horas para o público xeral.

A música correrá a cargo da saxofonista Sophismo e do coro da Escola Municipal de Música. A primeira ofrecerá dous pequenos concertos, de 19:45 a 20:30 horas e o segundo de 22:30 a 23:00 horas. Deseguido, o coro poralle o ramo ao Día dos Museos interpretando o “Magnificat” de Vivaldi.

A celebración completarase cun obradoiro para o público xuvenil, de 20:30 a 21:00 horas, no que se presentarán ferramentas dixitais que achegan novas oportunidades de divulgación do patrimonio museístico. Nos vindeiros días activarase ademais un cuarto de escape dixital conmemorativo do Día dos Museos no que tamén estará presente a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.