Ir al contenido de la página
  1. Noticias

Unha noite chea de público e artes na Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán

O Día Internacional dos Museos rematou o pasado venres na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ás doce da noite cunha notable afluencia de público que quixo participar no programa multidisciplinar organizado para a ocasión. Todas as actividades se desenvolveron en penumbra, recreando a atmosfera dun fogar do século XIX, co único apoio da iluminación das lanternas que se lles facilitaron ás persoas que se sumaron a esta iniciativa.

Neves Seara dirixiu o obradoiro "Tic Tac Cluedo. Onde están as mulleres no Museo?" Fonte: Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

Tras o obradoiro dirixido ao público infantil sobre a presenza feminina no museo, foi a quenda do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, que converteu o fogar da escritora coruñesa no escenario de representación de "Instantes", unha coreografía contemporánea desenvolvida por Armando Martén.

Membros do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña nun momento da actuación. Fonte: Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

Casa Hamlet achegou a arte dramática á Casa-Museo en forma de microteatro. As pezas, dirixidas por Santiago Fernández, representáronse cada vinte minutos entre as oito da tarde e a medianoite. O programa completouse coa proxección dunha intervención audiovisual da artista arxentina Romina Casile.

Microteatro a cargo de Casa Hamlet. Fonte: Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán atópase situada no número 11 da rúa Tabernas da Coruña, no edificio no que viviu a escritora coruñesa, sede tamén da Real Academia Galega.