Unha noite chea de público e artes na Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán
O Día Internacional dos Museos rematou o pasado venres na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ás doce da noite cunha notable afluencia de público que quixo participar no programa multidisciplinar organizado para a ocasión. Todas as actividades se desenvolveron en penumbra, recreando a atmosfera dun fogar do século XIX, co único apoio da iluminación das lanternas que se lles facilitaron ás persoas que se sumaron a esta iniciativa.
Tras o obradoiro dirixido ao público infantil sobre a presenza feminina no museo, foi a quenda do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, que converteu o fogar da escritora coruñesa no escenario de representación de "Instantes", unha coreografía contemporánea desenvolvida por Armando Martén.
Casa Hamlet achegou a arte dramática á Casa-Museo en forma de microteatro. As pezas, dirixidas por Santiago Fernández, representáronse cada vinte minutos entre as oito da tarde e a medianoite. O programa completouse coa proxección dunha intervención audiovisual da artista arxentina Romina Casile.
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán atópase situada no número 11 da rúa Tabernas da Coruña, no edificio no que viviu a escritora coruñesa, sede tamén da Real Academia Galega.