Exposición dos debuxos orixinais do cómic 'Emilia Pardo Bazán'
- Do 25 de abril ao 27 de maio de 2022
-
Inauguración: Luns 25 de abril ás 18:00 horas
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acollerá ata finais de maio a exposición das ilustracións orixinais do álbum de banda deseñada sobre a vida de Emilia Pardo Bazán asinado pola escritora Alicia Palmer e a ilustradora Weronika Hańczyc. Do proceso de xestación e edición do volume, publicado por Cascaborra Ediciones en 2021 co gallo do centenario do pasamento da escritora, falarán ambas as autoras na inauguración da mostra, que terá lugar o luns 25 de abril ás 18:00 horas na rúa Tabernas, 11 da Coruña. A entrada é libre.
“Poucas veces é posible apreciar a evolución gráfica das ilustracións que acabarán por converterse nun cómic. Desde os primeiros trazos a lapis ata as acuarelas finais, a Casa-Museo exporá os traballos de Weronika Hańczyc para ilustrar a frutífera vida da nosa escritora”, explica a conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, que escribiu o limiar do volume xunto a Patricia Angulo. Santiso conversará con Weronika Hańczyc e Alicia Palmer sobre como foi o seu achegamento á figura poliédrica e avanzada á súa época de Pardo Bazán para trasladar a súa historia á linguaxe da banda deseñada.
O cómic Emilia Pardo Bazán viu a luz na colección Biografías en viñetas de Cascaborra Ediciones froito da colaboración de Alicia Palmer, guionista doutros títulos de banda deseñada cunha clara perspectiva de xénero como Hombres feministas ou Una mujer, un voto, e Weronika Hańczyc, quen asumiu o reto de ilustrar a vida de Pardo Bazán tras colaborar nos libros Intraterra e Infiniteca.