Ir ao contido da páxina
  1. Novas

Susana Seivane protagoniza un novo encontro do ciclo «As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán»

Susana Seivane será o xoves que vén a convidada do ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo, organizado polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. A gaiteira conversará o 6 de maio (18:00 horas) sobre a presenza das mulleres na música co xornalista Manuel Rodríguez no que foi o fogar de Emilia Pardo Bazán na súa cidade natal (rúa Tabernas 11 – A Coruña). O encontro ábrese ao público baixo reserva de praza e poderá seguirse tamén en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Coruña.

Susana Seivane é todo un referente no mundo da gaita. Membro dunha das familias con máis prestixio entre os intérpretes e artesáns deste instrumento, comezou a tocalo con só 3 anos. Na actualidade é recoñecida internacionalmente como gaiteira polo seu virtuosismo e unha exitosa carreira musical.

Debido á redución da capacidade da sala en aplicación do protocolo de prevención da covid-19, recoméndase ás persoas que desexen seguir presencialmente a entrevista a Susana Seivane no ciclo de conversas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán que soliciten praza no correo electrónico difusion@academia.gal, indicando o seu nome completo, DNI e número de teléfono de contacto.

O ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo enmárcase no programa de actividades de conmemoración do centenario do pasamento da escritora, á que se lle renderá homenaxe traendo á actualidade o seu legado a través dunha serie de charlas. As oito mulleres convidadas dialogarán con xornalistas das súas respectivas traxectorias profesionais e das dificultades ás que tiveron que facer fronte por seren mulleres.

A iniciativa arrincou en marzo coa conversa protagonizada pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e continuou en abril coa académica Marilar Aleixandre. Tras a participación de Susana Seivane; continuará o 3 de xuño coa xornalista, escritora e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, que conversará con Pepe Castro. O programa retomarase o 2 de setembro coa conversa entre Imelda Capote, delegada de Facenda en Galicia, e Luis Llera. O 7 de outubro a protagonista será a xornalista Rosa Martínez, que falará con Chus Castro da súa experiencia como primeira directora da Radio Galega. O papel das mulleres na sanidade será o tema do encontro do 4 de novembro entre María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do CHUAC, e Cristina de la Vega. O ciclo rematará o 2 de decembro coa escultora e académica de Belas Artes Soledad Penalta, que será entrevistada por Noela Bao.