Marilar Aleixandre, nova directora de «La Tribuna»
A Real Academia Galega nomeou a académica de número Marilar Aleixandre nova directora de La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo, a revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. A escritora e catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela substituirá no cargo o académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, falecido o pasado mes de marzo.
Canda Marilar Aleixandre, o académico correspondente José Manuel González Herrán, un dos máis significados especialistas na obra de Emilia Pardo Bazán e catedrático emérito da USC, será o director adxunto da publicación; e a académica correspondente Olivia Rodríguez, profesora da Universidade da Coruña, asumirá a secretaría. A revista, que se publica dende o ano 2003, congrega os maiores especialistas na figura e na obra de Emilia Pardo Bazán de todo o mundo. Todos os números poden consultarse na páxina web da publicación.
A nova dirección da revista coincide no tempo co centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega celebrará ese mesmo día, o vindeiro 12 de maio, un acto conmemorativo na rúa Tabernas, sede da institución e da Casa-Museo da escritora, onde se conserva boa parte do seu arquivo e biblioteca persoais. A programación da RAG co gallo do centenario da intelectual inclúe ademais, entre outras actividades, un congreso internacional que terá lugar a finais de outubro, cadrando coa chegada á Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, á que a Academia contribúe con máis de 70 pezas. Antes, este xoves, 6 de maio, Susana Seivane protagonizará un novo encontro do ciclo de conversas de mulleres sobranceiras de distintos eidos na Casa-Museo.