A xornalista Rosa Martínez, convidada do mes de outubro no ciclo de conversas do centenario de Emilia Pardo Bazán
A xornalista Rosa Martínez Rivada reflexionará sobre a presenza da muller nos medios de comunicación no encontro do mes de outubro do ciclo As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo. A que foi primeira, e ata momento única, directora da Radio Galega conversará coa tamén xornalista Chus Castro o vindeiro xoves, 7 de outubro a partir das 18:00 horas no salón de actos da Real Academia Galega. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala e o encontro poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube de Cultura do Concello da Coruña.
O ciclo de conversas As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán é unha iniciativa organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa RAG, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán co gallo do centenario do pasamento da autora coruñesa. Entre marzo e decembro contará coa participación de oito mulleres de referencia nos seus respectivos campos profesionais que conversarán con xornalistas de distintos medios.
Rosa Martínez Rivada achegará no encontro do vindeiro xoves a súa visión sobre a participación das mulleres nos medios de comunicación e profundará en como foi mudando o seu papel ao longo das últimas décadas. Baixo a epígrafe Pioneiras, xornalistas nun mundo de homes, falará tamén con Chus Castro sobre como mudaron a ollada xornalística e os contidos xerados coa incorporación das mulleres ás redaccións.
Rosa Martínez é licenciada en Filosofía e Letras e especializouse en pedagoxía, xornalismo e xestión. Comezou a súa carreira como redactora na Axencia Galega de Noticias e foi correspondente do xornal madrileño El Sol. Pero a pegada máis importante deixouna no mundo da radio. No ano 1986 comezou a traballar na Radio Galega, onde foi a encargada de poñer en marcha a delegación de Vigo, e no ano 2009, tras ocupar outros postos de responsabilidade, converteuse na primeira directora da emisora pública.
A sesión de outubro é a sexta do ciclo que coorganizan o Concello da Coruña e a Real Academia Galega. O programa contou dende o mes de marzo coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a académica Marilar Aleixandre, a música Susana Seivane, a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, e a delegada especial da Axencia Tributaria en Galicia, Imelda Capote. Tras a charla do vindeiro 7 de outubro con Rosa Martínez Rivadas, o ciclo contará nos meses de novembro e decembro con María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), e a escultora Soledad Penalta.