NOVO LIBRO
A Fundación Luis Seoane acolle este mércores, 3 de maio, ás 19:00 horas a presentación de Emilia Pardo Bazán, xornalismo e Marineda, volume ao coidado da conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, e da historiadora da arte Patricia Angulo Miró. O libro recupera máis de trinta artigos da escritora coruñesa relacionados coa súa cidade, a maioría deles non reeditados ata o momento, publicados na prensa galega e na doutros lugares de España e mais de América.
No acto tomarán a palabra Xulia Santiso, a presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación das autoras e das tres institucións que colaboran nesta edición, e Fernando Ojea, promotor en primeira instancia da publicación. O xornalista cedeu a dotación que recibiu polo premio Cronista Emilio Quesada da Asociación da Prensa da Coruña en 2021 para facer realidade un volume que rescatase o articulismo de Emilia Pardo Bazán vinculado á súa cidade natal.
Emilia Pardo Bazán, lembra Xulia Santiso, escribiu máis de 1500 artigos de prensa que abranguen unha gran variedade de asuntos que a autora abordou cunha liberdade infrecuente entre as mulleres escritoras da época. “Igual que a variedade dos seus centros de atención, sorprende aínda hoxe a súa amplitude de miras con respecto a diferentes temas”, comenta no limiar. “A identidade de Emilia Pardo Bazán queda exposta na prensa. Elixe un tipo determinado de representación, por suposto, pero nunca desaparece o seu carácter. Así, neste monográfico revélanse sentimentos críticos, agudos, irónicos, fachendosos e tamén algunha dor”, engade.
O libro reúne textos publicados en El Heraldo Gallego (Ourense), as publicacións coruñesas El Telegrama, El Noroeste e La Voz de Galicia, El Atlántico (Santander), El Eco de Santiago, El Eco de Galicia (A Habana), Diario de La Marina (Buenos Aires) e La Ilustración Artística (Barcelona).
Entre outros temas abordados nos artigos escolmados, Emilia Pardo Bazán escribe sobre o casamento de Marcela e Elisa en 1901, máis dun século antes de que se aprobase en España o matrimonio homosexual; o xeito de celebrar o Entroido na Coruña ou o feito de que o Teatro-Circo da cidade levase o seu nome.
Elisa e Marcela, Juana de Vega e as vantaxes das festas
Pardo Bazán saía en defensa do matrimonio de Elisa e Marcela, do que dicía que “no es discutible, porque es del fuero de la conciencia y cada cual lo resuelve sin coacción posible”, en “La vida contemporánea”, o espazo que mantiña na revista La ilustración artística. Noutro artigo publicado en 1911 no Diario de la Marina, compartía as súas lembranzas de Juana de Vega. “Hasta furiosas campañas de prensa recuerdo que se hicieron contra una señora que no dañaba a nadie, que empleaba en buenas obras su dinero y su tiempo, y que, con solo su presencia, daba una nota de alto relieve al sitio donde se había retirado a vivir, dejando la Corte, en la cual aún podría ser muy halagada”, escribe sobre outra muller destacada da Galicia do século XIX.
Nesta mesma revista saía en defensa das festas en 1906. “Los festejos van hacia la cultura: ya se hace algo más que correr toros. [...] Aquí hemos tenido esta temporada regatas, ejercicios gimnásticos, concursos hípicos, concursos de baile y canto, cucañas (sport popular y muy divertido), en fin, una contribución copiosa a la idea de que el cuerpo es el santuario del alma, y conviene edificarlo con toda solidez y vigor de las fábricas bien sustentadas y de firmes cimientos”, detallaba sobre as celebracións coruñesas, que xa daquela duraban vinte días.
As primeiras colonias escolares mixtas
As colonias escolares benéficas da Coruña, as primeiras mixtas de España e das que foi principal impulsora, tamén aparecen entre os temas tratados. “Nuestra colonia escolar tiene el mérito de ser, si no me equivoco, y ojalá me equivoque, (pues el caso es que lo bueno se haga, allá o acá) la primera colonia mixta; es decir, la primera en que las niñas disfrutan del mismo beneficio que los niños. Las niñas, alumnas de las Escuelas Municipales, se encuentran ya jugando y bañándose en la playa de la Lagoa”, contaba en El Noroeste da Coruña en 1904.
O libro complétase con imaxes dos arquivos da Real Academia Galega, Cantigas da Terra e Municipal da Coruña, Arquivo do Reino de Galicia e colección Ventureira Pardo.