Sobre a lápida de Roi de Mondego e a súa localización orixinal
Desde a Casa-Museo xurdiu a necesidade de investigar sobre a historia da familia Pardo Bazán, esta vez centrada na súa propiedade da parroquia de San Martiño de Meirás. Para levar a cabo dita investigación, a referencia documental, a fonte directa máis eficaz é o Fondo da familia Pardo Bazán, no Arquivo da Real Academia Galega xa que procede da mesma acta de doazón da vivenda da rúa Tabernas. Como os arquivos de institucións científicas, están á disposición da cidadanía no Arquivo Dixital de Galicia, feito que facilita considerablemente o traballo.
Neste arquivo atopamos algunhas certezas sobre as intervencións que se levaron a cabo no predio. Presentámosvos un deles; a lápida de Roi de Mondego non se labrou para estar na capela de Meirás, o seu destino actual.
Sobre as actuacións de mellora da familia Pardo Bazán no morgado de Meirás. Algunhas certezas e moitas dúbidas. A lápida de Roi de Mondego. Por Xulia Santiso.
Na procura de reconstruír de xeito rigoroso os séculos que precederon aquel fatídico 1938 que tanto deformou as Torres de Meirás (e botando moito en falta o consello de Xosé Ramón Barreiro, indispensable para coñecer a crónica dos Pardo Bazán), cómpre comezar por analizar de xeito crítico todas e cantas referencias veñen dándose por certas, sabendo do devir habitual no que a repetición dun dato acaba por darlle forma de realidade. Tomemos entón como referencia documental a fonte directa máis eficaz: o Fondo da familia Pardo Bazán, no Arquivo da Real Academia Galega, procedente da mesma acta de doazón da vivenda da rúa Tabernas. A posta deste fondo á disposición da cidadanía no Arquivo Dixital de Galicia vén facilitando considerablemente o traballo de investigación.
Que este fondo dixital estea aberto e sexa público exímenos de falar de achado ao referirnos á lápida de Roi de Mondego. Chégase con facilidade aos documentos que se refiren ao tema, por tanto, non pode ser descoñecida para quen traballou nel. Quizais a súa omisión se deba ás interrogantes que suscita, moito maiores que as respostas que dá. Sirva este artigo como un primeiro paso para a súa resolución.
Ditos documentos obrígannos a alterar o primeiro parágrafo co que se viña explicando a propiedade, e con iso a súa cronoloxía. Era común ler algo semellante ao seguinte (Cao Moure, 1930):
Lo que en los años 70 del siglo XIV fuera una fortaleza defensiva construida por Roi de Mondego, señor de las Mariñas (su lápida se conserva aún en la capilla)...
Pois ben, segundo se deduce dos documentos que citaremos agora, a lápida non se labrou para estar colocada na capela de Meirás. Esta é unha certeza.
O seguinte dato certo que afecta a este terreo refírese a un feito que sucede douscentos anos máis adiante: o 7 de xullo de 1630 Pedro de Bergondo –comisario, cura e reitor da parroquia de San Xián de Mondego entre outras– asina a escritura relativa á Fundación do morgado e constitución do vínculo de Meirás recollida no apartado relativo á “Historia institucional” do Partido de Meirás.
O morgado foi a pedra angular para as herdades de importancia. A forza do apelido descansaba nel, e ata 1820 a el pertencían as mellores propiedades, amarradas polo vínculo, do que se nutría, para serlle entregadas unicamente a un responsable: o vinculeiro. Este foi o caso da propiedade na parroquia de San Martiño de Meirás.
Se continuamos investigando o Fondo da familia Pardo Bazán, pronto topamos coa “Licencia del Conde de Lemos (como Patron Insolidum) para fabricar la capilla que el dicho comisario mandó hacer [...] al lado de la Epístola de la Capilla Mayor de la iglesia de San Julián de Mondego [...]” asinada o 21 de xullo de 1634. Evidentemente, esta é a procedencia da lápida de Roi de Mondego que agora está na capela das Torres.
Para chegar ata a familia Pardo Bazán en Meirás temos que seguir a herdade desde ese Pedro de Bergondo e a súa filla Marta Patiño, polos Taibo do señorío de Dexo, os da Torre de Rivadeneyra, posteriormente por vía feminina ata os Pardo de Cela e de aí a Miguel Pardo Bazán, avó paterno de dona Emilia. (Barreiro Fernández, 2012-2013)
As vicisitudes sucedidas na transmisión do vínculo foron sempre complicadas, pero tamén dan proba do seu valor. Con respecto a don Miguel, reuníronse neste cambadés todas as condicións estipuladas para obtelo, a máis importante delas a de ter o título de bacharel en Canons. A el débese a reedificación da casa, no mesmo lugar da construción orixinal que incendiaran os franceses en 1809 (Martínez-Barbeito, 1986) como castigo pola súa actividade militar no Batallón Literario de Santiago de Compostela e, máis tarde, no Rexemento Provincial de Pontevedra.
A el refírese dona Emilia cando escribe sobre os seus principios morais describindo a casa da Granxa de Meirás (Pardo Bazán, 1886):
… ni piedra de armas tiene, porque la hizo quitar de la fachada un mi abuelo, un liberal aforrado en masón, que era entonces el aforro más caliente del liberalismo.
O seguinte propietario foi José Pardo Bazán, pai da escritora. Nacido na Coruña, deputado polo partido liberal progresista, xurisconsulto, redactor e fundador de revistas, José Pardo Bazán tamén tivo que loitar xudicialmente polo dominio, desta vez contra a súa nai, Joaquina Mosquera Ribera, asasinada posteriormente polo seu segundo esposo (Barreiro Fernández, 2010-2011).
A Granxa foi para José Pardo Bazán un campo de ensaio onde pór en práctica novas técnicas agrícolas para o desenvolvemento técnico do campo galego. Compartía este interese co conde de Pallares, como o demostran as cartas entre eles, que tamén se atopan no arquivo. Este afán conxunto levounos a publicar Memoria sobre la necesidad de establecer escuelas de agricultura en Galicia. (Pardo Bazán, José e conde de Pallarés, 1862)
Efectivamente José Pardo Bazán Mosquera y Rivera personifica ese afán de mellora que o leva a incrementar o patrimonio inmoble (a investigadora Beatriz López Morán coméntanos que o Arquivo Notarial da Coruña posúe gran número de documentos de compra de terras, asinados por el) sobre o que concede foros, arrendamentos, cesións, partillas e permutas que constan no Arquivo da Real Academia Galega.
Continúa tamén co ornato da propiedade, demostración dunha traxectoria ascendente. En 1864, don José solicítalle ao arcebispo de Santiago de Compostela a translación daquela capela sita na igrexa parroquial de San Xián de Mondego, dado o mal estado da construción. Como aínda non hai data para a súa rehabilitación, el ocuparase de reparar a parede da igrexa despois de extraela. O 18 de novembro dese mesmo ano, o xa cardeal García Cuesta, co informe favorable do párroco, deu “permiso para trasladarla […] a la casa de Meirás, sita en esta parroquia y lugar de la Senra”.
Pero aínda hai máis documentos que van producir novas dúbidas. Un deles, na mesma carpeta á que nos referiamos antes, datado en 1900, coa cabeceira “Torres de Meirás”, e un segundo datado en 1902 (Caixa 444_3), no que as herdeiras de José Pardo Bazán lle refiren ao arcebispo de Santiago que “teniendo en uso una capilla en su casa de Meirás”, construíron outra “más conveniente ao culto”, para a que solicitan a beizón.
Pérdese entón unha certeza: que sobre esa lápida Emilia Pardo Bazán celebrara a súa voda o 10 de xullo de 1868 con José Quiroga y Pérez de Deza, segundo fillo da familia do pazo dos Quiroga, en San Tirso de Mabegondo. Pero o feito de trasladar a capela avala a maior delas: a existencia dun obxectivo ao longo da historia que consistiu en aumentar o valor dun ben propio. Aplicáronse a esta herdanza todo tipo de melloras por parte dos seus donos co mesmo compromiso que a súa filla culminará coa construción das torres, deseñadas para a eternidade, sen falsa modestia.
Quizais foi esa mesma grandeza a que serviu para fundamentar as opinións dos que con trazo groso se empeñaron en reducir estes personaxes alimentando os estereotipos, descoñecendo ou non recoñecendo a calidade e a amplitude das intencións. Mágoa que ese mesmo propósito triunfal convertese a propiedade en obxecto de desexo dos que aproveitaron conxunturas favorables e a converteron en ofrenda. Un quebro no camiño que engadiría unha ferida, para sempre, ao lugar.
Outra das certezas ten que ver co coñecemento actual sobre a propiedade. Este resulta moito máis completo no que atangue aos últimos 80 anos ca no que se refire aos séculos anteriores. De aí a invitación a continuar este traballo. Coñezamos a historia das Torres de Meirás e valoraremos en toda a súa amplitude a imposibilidade de empequenecer a familia dos seus propietarios. Porque a conclusión vai implícita nas premisas.