Ir ao contido da páxina
  1. Novas

Premio a tres novas olladas á Marineda de Emilia Pardo Bazán na celebración do aniversario da escritora

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán volveu vestirse de gala hoxe na celebración do 167 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851. O serán de homenaxe á autora, celebrado o ano pasado por primeira vez grazas á colaboración da Casa-Museo e Marineda City, trouxo de novo ao século XXI o espírito dos encontros literarios que a propia Emilia Pardo Bazán organizaba no seu fogar. O centro comercial que leva o nome literario que a escritora lle deu á cidade da Coruña patrocinou o encontro, conducido polas actrices de Inversa Teatro no seu papel de mulleres ilustradas do século XVIII, que fixeron con humor constantes referencias á homenaxeada. Neste marco entregáronse os premios de relato breve e fotografía do I Concurso "Iconografías sobre Marineda" aos gañadores, Eva Castro, Andrés López Docampo e Luis Vázquez Álvarez, e servíronse os petiscos elaborados polo chef Javier Rodríguez Ponte Taky inspirados no receitario de Emilia Pardo Bazán.

Os intervenientes no acto posan xunto a convidados da velada de homenaxe a Emilia Pardo Bazán

O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, salientou que a institución que preside estará sempre agradecida á persoa de Emilia Pardo Bazán e aos seus herdeiros. "Grazas a eles a nosa institución goza dunha situación digna na cidade da Coruña, na casa grande da rúa Tabernas", indicou. Este agradecemento, engadiu, leva consigo asemade un compromiso: a custodia e coidado de documentos, enxoval e arquivos da autora, que están depositados na Academia. "Aínda que non utilizou a lingua galega nos seus escritos, ninguén pode discutir a significación da autora de Los pazos de Ulloa, Madre naturaleza ou La tribuna na construción do universo simbólico da Galicia universal, igual que Valle-Inclán, Concepción Arenal, Wenceslao Fernández Flórez, Francisco e Xulio Camba, Torrente Ballester e tantos outros. Estas veladas da Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, que forma parte da Real Academia Galega, constitúen unha homenaxe que todos os anos lle facemos á figura e á obra da nosa escritora", abundou.

A xerente de Marineda City, Ana López, tamén recordou o vinculo "especial" do centro comercial coa escritora, neste caso a través do nome literario que esta lle deu á cidade da Coruña. "Por iso continuamos mantendo e fortalecendo a nosa colaboración coa Casa-Museo para difundirmos a figura e a obra da autora de La Tribuna, que hoxe se materializa nesta segunda velada-homenaxe e no I Concurso Iconografías sobre Marineda, que patrocinamos", destacou. "Esta colaboración é, sen dúbida, un paso máis na reafirmación do centro comercial como impulsor da vida cultural da Comunidade e reforza o noso afán por que Marineda sexa partícipe e actor relevante da súa contorna inmediata tanto no ámbito económico como no social e cultural".

Víctor F. Freixanes e Ana López entregáronlles aos gañadores do I Concurso Iconografías sobre Marineda os premios de relato breve en galego e castelán, respectivamente, mentres que a académica Margarita Ledo fixo entrega do de fotografía. As obras gañadoras foron galardoadas con mil euros cada unha e recompiladas nunha edición especial entregada aos asistentes á velada. Na modalidade de relato breve (máximo 4.000 palabras) en galego a gañadora foi Eva Castro por "Eu non son de ninguén", de acordo coa decisión do xurado composto por Víctor F. Freixanes; a directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez; e a escritora, docente e secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas. O xurado da modalidade de relato breve en castelán estivo formado polo director da Real Academia Española, Darío Villanueva; a profesora da Universidade da Coruña e académica correspondente da RAG, Olivia Rodríguez e o director de Ediciones del Viento, Eduardo Riestra, quen escolleron como mellor texto "El faro del fin de mundo" de Andrés López Docampo.

As actrices de Inversa Teatro interveñen na entrega do premio de fotografía xunto á académica Margarita Ledo

A directora do Museo de Arte Contemporánea da Fundación Naturgy, Carmen Fernández; a deseñadora Uqui Permui e a catedrática de Comunicación Audiovisual da USC e académica Margarita Ledo conformaron o xurado do premio de fotografía, encargado de seleccionar as imaxes finalistas. A gañadora, "Ondas do mar do Orzán" de Luis Vázquez Álvarez, foi elixida posteriormente por votación popular a través da rede social Facebook.

Tras a entrega dos premios, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso presentou a conversa entre o presidente da Academia Galega de Gastronomía, Javier Ozores, e o chef Javier Rodríguez Ponte Taky arredor da reinterpretación das receitas de Emilia Pardo Bazán que este último realizou para a ocasión. Entre outros petiscos, o público puido degustar bacallau en brandada con migas de pan de broa e ameixas negras, sardiña lañada e afumada con ensalada de pataca, espetos de polbo con vinagreta de encurtidos ou sopa de allo con xamón e ovos de paspallás.

O chef Javier Rodríguez Ponte Taky conversa co presidente da Academia Galega de Gastronomía, Javier Ozores