Ir ao contido da páxina
  1. A Casa-Museo
  2. Actividades

Presentación do libro «A educación do home e da muller e outros escritos feministas»

  • Xoves 16 de setembro de 2021
  • Emisión en directo en academia.gal

A Real Academia Galega celebra o aniversario de Emilia Pardo Bazán (1851-1921) coa presentación do libro A educación do home e da muller e outros estudos feministas, coeditado da man do Parlamento de Galicia, e unha representación dramatizada aberta ao público. As actividades insírense no marco da programación da RAG co gallo do centenario do pasamento da homenaxeada.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; a académica Marilar Aleixandre e a tradutora Mónica Bar Cendón presentarán a Educación do home e da muller  e outros escritos feministas ás 11:30 horas na sede da Academia, no que foi o fogar de Emilia Pardo Bazán na Coruña, a súa cidade natal e a Marineda das súas novelas, e que hoxe acolle tamén a súa Casa-Museo. O acto poderá seguirse en directo a través de academia.gal.

O volume recompila e verte ao galego unha serie de textos escolmados por Marilar Aleixandre, directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Un deles o que dá título ao libro, "A educación do home e da muller", un dos ensaios sobre feminismo máis relevantes da escritora, que o presentou no Congreso Pedagóxico de 1892. Mónica Bar Cendón encargouse da tradución desta edición especial que pretende contribuír ao coñecemento do pensamento dunha muller adiantada en materia de igualdade.