Ir ao contido da páxina
Autoría e ano
Principios do século XX
Técnica
Porcelana coloreada e dourada
Outra información técnica
Marcas: C. Ahrenfeldt Limoges Inscricións: Coroa condal e lema ‘De Bello Lucem’

Esta vaixela composta por tres fontes e sopeira e mais trinta e dous pratos grandes e catorce pequenos ten o cuño característico das vaixelas fabricadas en Limoges, sinónimo de calidade e autenticidade. As pezas levan a marca en cor verde coas iniciais “C.A.” entrelazadas, das que saen catro frechas e as palabras "France Deposé". Estas últimas palabras permiten obter unha data de fabricación aproximada, xa que a partir de 1900 todas as marcas Limoges levan asociada a palabra France, obrigatoria para a súa exportación aos Estados Unidos e para seren vendidas en poxas. Baixo esta inscrición pode lerse “C. Ahrenfeldt Limoges”, o nome do fabricante e da localidade da que procede a vaixela.

As vaixelas desta cidade francesa foron un símbolo de status social. Desde que en 1758 se descubriron depósitos de caolín na rexión, destacou pola calidade da porcelana. A mediados do século XIX, para aforrar custos, houbo moitos fabricantes que se estableceron nos arredores da localidade. A competencia, a abundancia de material e o barato da man de obra fixeron da zona unha das máis importantes para a produción de porcelana en Europa.

Moitas pezas eran fabricadas en branco e decoradas posteriormente. Todas as da vaixela de Pardo Bazán presentan unha decoración uniforme, cunha banda azul escura que bordea o prato e a coroa condal da familia xunto á inscrición De bello lucem (A luz na batalla), un lema recorrente na escritora que tamén aparece nos volumes das súas Obras Completas ou no encabezamento das súas cartas. A presenza da inscrición do lema e mais a da coroa parecen indicar que a vaixela se realizou por encarga.