Emilia Pardo Bazán
- Autoría e ano
- Gustav Wertheimer, 1887
- Técnica
- Óleo/lenzo
- Dimensións
- 81'5 x 63'5 cm
- Outra información técnica
- Asinado e datado polo autor no ángulo inferior dereito: "A sa bonne amie Emilia Pardo Bazán souvenir de Gustav Wertheimer. París 1887”
Gustav Wertheimer (Viena, 1847-París, 1904) retrata a Emilia Pardo Bazán cun pano de encaixe que lle cobre a cabeza e os ombreiros, suxeito no peito cunha rosa, o sorriso apenas esbozado, cunha coquetería captada ou quizais inducida polo propio artista. A pincelada é apreciable, solta e bosquexada, aínda que máis na liña dos “manchistas” italianos, os macchiaioli, que na dos impresionistas franceses.
Wertheimer acadou o seu primeiro éxito en París. Coa súa participación nas exposicións de arte en Amsterdam, Londres e París obtivo numerosos premios. Tras o retrato á escritora, conseguiu na feira mundial de París diferentes premios honoríficos.
Á altura de 1887, cando o pintor asina este retrato, Emilia Pardo Bazán é xa unha escritora consolidada e recoñecida a nivel europeo. Ese mesmo ano edita La madre naturaleza (segunda parte de Los pazos de Ulloa), e, a partir da separación matrimonial, viaxa a París nos invernos, onde reparte o tempo entre reunións sociais e investigacións literarias. En xaneiro de 1887, atópase en París rematando a súa conferencia para o Ateneo de Madrid sobre “La revolución y la novela en Rusia”, unha achega que difundirá en España as obras de Turgueniev, Dostoievski, Gogol ou Tolstoi, nun momento en que é excepcional que unha muller imparta conferencias, e máis aínda que estas se centren na crítica literaria. Pardo Bazán valora a literatura rusa como a mostra dun realismo matizado por elementos espirituais e relixiosos, moi afín á súa sensibilidade.
A propia autora deixou constancia de onde se atopaba este retrato vinte anos despois de recibilo como agasallo. “Mis retratos al óleo han tenido escasa fortuna. Ni el de Balsa de la Vega; ni el de Máximo Peña; ni el de Madrazo; ni el del célebre austriaco Wertheimer, logran contentar a los que los miran. Cada mirón les pone un defecto: la impresión general es de desagrado. Los he reunido en la biblioteca baja de las Torres de Meirás”, conta no artigo titulado “Mis retratos y mis caricaturas”, publicado na revista Caras y caretas.