Ir ao contido da páxina
  1. A Casa-Museo
  2. Doce pezas de referencia

Arquimesa tipo papeleira

Autoría e ano
Primeiro cuarto do século XIX
Material
Madeira de nogueira, marquetería de caoba e “limoncillo” con aplicacións de bronce
Dimensións
54'5 x 77 x 39 cm

Esta peza de estilo imperio estaba orixinariamente colocada na sala pequena da casa da escritora na rúa Goya de Madrid. No seu interior contén doce caixóns, en orixe individuais, xa que están numerados un a un. A estrutura das gabetas contaba con divisións interiores, seguramente para gardar coleccións de pezas pequenas, aínda que tamén sufriu modificacións, posiblemente para atender a necesidade de gardar outro tipo de cousas. Quizais fose este un dos contadores onde Emilia Pardo Bazán gardaba os seus manuscritos, motivo polo que o moble se sitúa na sala que recrea o gabinete de traballo da escritora.

A cuberta da tapa ten unha peza de bronce no centro, de forma trapezoidal, co relevo dunha muller alada vestida á maneira clásica. Está sentada e escribe cun punzón mentres sostén coa man esquerda unha coroa de loureiro —inmortalidade e gloria para heroes e sabios— e ten a trompeta da fama aos seus pés, aquela que cantaba as verdades e as mentiras. É Calíope, musa da elocuencia e da poesía épica, a mesma que Fulxencio, no libro primeiro de Mitoloxía, describe como a máis distinguida das nove irmás, a que significa o último complemento da ciencia, perfección das obras dos estudosos e aplauso merecido das súas tarefas.

As musas, ás que talvez Emilia Pardo Bazán coñeceu a través das súas lecturas infantís, converteríanse nun referente ben visible no seu universo vital e literario. Precisamente, estas nove fillas de Zeus son as que suxeitan o chamado “balcón das musas” que adorna unha das torres de Meirás, onde a escritora tiña o seu estudio e a súa biblioteca.