Contedor de feminismos
- Autoría e ano
- Ánxela Caramés, Carme Nogueira e Uqui Permui, 2007
- Material
- Madeira e pintura en diferentes técnicas
“La educación de las mujeres no se puede llamar educación, sino doma, pues se propone por fin la obediencia, la pasividad y la sumisión”. Estas palabras de Emilia Pardo Bazán no Congreso de Pedagoxía de 1892 ilustran a súa condición de precursora na reivindicación da igualdade de xénero, pola que loitou dende diversas frontes. Nos seus artigos de opinión acuñou termos como “mujericidio” para referirse aos crimes machistas e denunciar a violencia contra as mulleres; e nas súas novelas creou personaxes femininas que desafiaban os estereotipos sexistas vixentes. O feminismo da autora descóbrenos tamén unha muller que procurou, e conseguiu, converterse na primeira catedrática de universidade en España.
O Contedor de feminismos é unha obra das artistas Ánxela Caramés, Carme Nogueira e Uqui Permui, ideada en 2009 para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos celebradas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. No ano 2012 foi seleccionada para a exposición Genealogías feministas en el arte español: 1960-2010 do Museo de Arte Contemporánea de Castela e León. Foi concibida como un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público, coa finalidade de recuperar, documentar e facer visibles as historias das mulleres, os feminismos e as loitas pola liberación sexual dos últimos trinta anos. O dispositivo permite recoller material, mostralo e divulgar o nel recompilado co propósito de tecer redes e vínculos.
No interior ten andeis e mostradores para expoñer obxectos e publicacións, e, no exterior, unha lousa para anotar feitos sobre experiencias públicas e privadas relacionadas co feminismo, motivo polo que ao seu redor sempre se xunta xente que ten algo que contar.
Tras ser empregado en diferentes accións e encontros entre mulleres en espazos públicos, as autoras doaron a peza á Casa-Museo como homenaxe á feminista pioneira que foi Emilia Pardo Bazán.