Palco da ópera
- Autoría e ano
- F. Muñiz, Principios do século XX
- Técnica
- Óleo / táboa
- Dimensións
- 52 x 38 cm
- Outra información técnica
- Asinado e datado polo autor no ángulo inferior esquerdo: F. Muñiz
A partir do século XIX a ópera convértese no espazo público das clases burguesas e aristocráticas e forma a comunidade musical máis ampla. A inmersión sensitiva da que é obxecto este público non é comparable naquel tempo con ningún outro xénero. Afeccionada e abonada ao Teatro Real de Madrid e, na tempada estival, ao Principal da Coruña (hoxe Rosalía de Castro), Emilia Pardo Bazán séntese fascinada e inmersa nas representacións ás que acode, nas que todos os sentidos captan a grandeza do espectáculo. Así o deixa escrito nun artigo publicado en 1906 na revista La Ilustración Artística, onde emprega a teoría do seu compositor favorito, Wagner, para afirmar: “Es posible que (…) mi oído necesite, para penetrarse de la belleza de la música, el auxilio de mi vista”.
Este cadro amosa un xogo de pincel, cores e brillos que retratan a alta sociedade de principios do século XX nunha escena propia do seu modo de vida. O significado dos palcos na ópera era principalmente social, xa que as persoas que os ocupaban eran figuras relevantes da cidade que acudían ao espectáculo para ver e ser vistas. No cadro obsérvase o momento en que non están a mirar o espectáculo; cadaquén olla nunha dirección, entre conversas, quizais atendendo ao que acontece noutros palcos para atopar personaxes notables da sociedade, mesmo utilizando os prismáticos sen disimulo.