Ir ao contido da páxina
  1. A Casa-Museo
  2. Doce pezas de referencia

Amalia de la Rúa Figueroa Somoza

Autoría e ano
Joaquín Sorolla, 1913
Técnica
Óleo/lenzo
Dimensións
80 x 62 cm
Outra información técnica
Asinado e datado polo autor no ángulo superior esquerdo: "A mi amiga Emilia Pardo Bazán / J. Sorolla 1913". Inscricións: Anotación no bastidor: "Condesa viuda de Pardo Bazán a los 82 años"

Este retrato de medio corpo de dona Amalia, nai da escritora, representa unha muller co cabelo branco recollido nun moño sinxelo e cun austero vestido negro, como corresponde, por tradición, á estética dos anciáns. A obra amosa intimidade e naturalidade, valores que tanto gustaban ao autor e á propia dona Amalia. Joaquín Sorolla inmortaliza a muller coa mirada directa e o sorriso doce nun traballo de pincel de longos percorridos e, en ocasións, cheo de materia. Busca o efecto da pintura impresionista e engádelle algún outro efecto demostrando que non lle interesan excesivamente nin a técnica nin a filosofía dos movementos artísticos. Aquí, como nas súas mellores obras, o éxito reside na rapidez de concepción e de execución.

Joaquín Sorolla asinara no ano 1911 un contrato privado con Archer Milton Huntington, presidente da Hispanic Society of America, comprometéndose a realizar a decoración para a biblioteca da institución con sede en Nova York. Para a encarga, o pintor seleccionou personaxes ilustres das letras españolas: Benito Pérez Galdós, Juan Ramón Jiménez, Antonio Machado, Vicente Blasco Ibáñez, José Ortega e Gasset e mais Emilia Pardo Bazán, que foi retratada en 1913, o mesmo ano en que o artista valenciano pintou a súa nai.

A amizade e admiración mutua entre Emilia Pardo Bazán e Joaquín Sorolla viña de lonxe, tal e como escribe a novelista nas páxinas da revista La Ilustración Artística en 1901: “Sorolla, a mi parecer (no diré que este juicio sea irrevocable, pues aún debo estudiar mejor el asunto), es un artista que ha logrado apoderarse del secreto de la pincelada y dominar los efectos de luz: pinta tan magistralmente como rápidamente: sabe lo que ha de hacer, y lo hace muy pronto, sin tanteos ni arrepentimientos. Fogoso en la factura, prefiere, al retrato que le sujeta y cohíbe, la libertad del paisaje o de la figura que casi forma un todo con el paisaje— el marinero, la pescadora, el bañista, el carretero, la aldeana, modelos impersonales, aunque marcados con ese sello de realidad y de energía que Sorolla imprime a cuanto reproduce”.

A mesma dedicatoria nos permite imaxinar que a escritora lle solicitou ao artista un retrato de súa nai, ou que o propio pintor se brindou a facelo pola amizade que lle profesaba.