A raíña Tomiris coa cabeza de Ciro
- Autoría e ano
- Obradoiro bruxelés, Séculos XVI-XVII
- Técnica
- Tear. La e seda
- Dimensións
- 223 x 426 cm
Dos catro tapices que en orixe pertenceron a Emilia Pardo Bazán e que na actualidade se atopan no edificio da rúa Tabernas, dous poden verse no recibidor da Casa-Museo. Na peza escollida, de grandes dimensións, as figuras minuciosamente caracterizadas ocupan case totalmente o campo, primando sobre unha natureza típica da tradición flamenca e nunha escena unitaria onde conviven distintos tempos. Trátase, en resumo, dun espazo naturalista e dunha perspectiva pictórica, aínda froito dun xogo de invencións. Por outro lado, e visto en detalle, xustapóñense cores planas combinadas en zonas pequenas para dar a sensación de volume.
O tema que recolle o tapiz é narrado xa por Heródoto (século V a.C.) nas súas Historias, como tamén o fixeron máis adiante Luciano, Diodoro e Valerio Máximo: a vinganza de Tomiris contra Ciro. O rei persa capturara e fixera escravo o fillo da raíña dos masáxetas, chamado Espergapises. Cando a raíña soubo o sucedido, mandou un heraldo apremando a Ciro para que llo devolvese: "[...] se non fas isto –xúrocho polo Sol, señor dos masáxetas-, en verdade te saciarei, aínda sendo insaciable, de sangue”. Ciro non fixo caso desta advertencia, e, tras o suicidio de Espergapises, Tomiris reuniu as súas tropas e lanzounas contra os persas. A maior parte do seu exército foi aniquilada e tamén se lle deu morte ao propio Ciro. Tomiris buscou entón, entre os corpos sen vida, a cabeza de Ciro. Cando a atopou, meteuna nun odre e mentres aldraxaba o morto dicía: “Ti a min, aínda que estou viva e son a túa vencedora no combate, matáchesme cando atrapaches o meu fillo mediante un engano; eu a ti, como prometín, saciareite de sangue.”
A través dos tapices, as elites manifestaban o seu status e adornaban pazos ou igrexas. Estas grandes teas, que incluso eran estendidas nas fachadas en certas celebracións, na súa orixe cumprían ademais unha función ideolóxica, ao plasmaren, coma outras obras de arte, determinadas mensaxes a través das historias que narraban.
Emilia Pardo Bazán apreciaba a calidade singular dos tapices, capaces de xuntar arte e artesanía, consciente seguramente do que significaron no Renacemento. Proba diso son estas palabras que deixou escritas no ano 1912 para manifestar a súa preocupación pola perda de patrimonio artístico español: “Es verdaderamente asombroso que aun quede algo en España. Todos los días se oye referir que alguna casa aristocrática ha vendido, en fabulosa suma, sus obras de arte al extranjero. Ya es el retrato del Greco, ya el estrado de cuero cordobés, ya el tapiz único (...). Para una casa noble que conserve sus tesores patrimoniales, hay cinco que se fueron a pique...”.