A Academia reclama os fondos bibliográficos de Emilia Pardo Bazán para manter unido o seu patrimonio
Diante de recentes informacións que contemplan a posibilidade dunha recuperación dos fondos da biblioteca de Emilia Pardo Bazán actualmente depositados nas Torres de Meirás, residencia que foi da escritora, a Real Academia Galega considera fundamental que ese patrimonio se conserve unido, como corresponde a un fondo histórico destas características, o que significa incorporalo á biblioteca da rúa Tabernas, sede desta institución na cidade da Coruña, onde está custodiada a biblioteca da autora de La Tribuna e Los pazos de Ulloa, así como o fondo máis importante do seu legado documental.
A casa da rúa Tabernas, residencia da escritora na cidade da Coruña, é actualmente a sede da Real Academia Galega grazas á doazón que no seu día realizaron as herdeiras de Emilia Pardo Bazán, a súa filla Blanca Quiroga e a nora Manuela Esteban Collantes, coa manda de custodiar a súa memoria e o seu patrimonio na Casa Museo que ocupa o primeiro andar desta institución. Esta vontade concretouse na acta de doazón do ano 1956 e foi posteriormente ratificada no testamento ante notario.
Ademais dos argumentos afectivos, salientan os de carácter técnico que aconsellan manter a unidade deste patrimonio. Separalo rompe o principio de unidade -valor fundamental das bibliotecas destas características-, dificulta o estudo do conxunto e as investigacións sobre Emilia Pardo Bazán, ademais de rachar o corpus pardobazaniano.
No arquivo e na biblioteca da Real Academia Galega está depositada a documentación e os libros que pertenceron a dona Emilia, así como obxectos persoais, mobiliario, enxoval, obras de arte etc. En ningún outro lugar que non sexa a rúa Tabernas cabe a conservación dos libros da escritora que hoxe seguen en Meirás e que deben ser devoltos á memoria histórica do pobo galego e dos lectores e lectoras universais.
Declaración BIC
Durante varios meses, un equipo de especialistas, promovido dende a RAG e coa participación de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, inventariou os libros da escritora que permanecían nas instalacións de Meirás.
É intención da RAG reclamar o tratamento BIC (Ben de Interese Cultural) para os devanditos libros, pola súa significación, pola calidade extraordinaria de moitos dos volumes alí existentes e polo que representan na memoria histórica da escritora. En breve a RAG promoverá, asemade, a publicación deste traballo de investigación, que consideramos fundamental para o coñecemento deste legado.
Comprometida coa conservación e difusión do patrimonio da escritora, a Real Academia Galega adquiriu recentemente un importante fondo documental que enriquece a súa memoria: 85 cartas inéditas que a autora enviou entre os anos 1870 e ben entrado o século XX á súa amiga Carmen Miranda Armada. Esta correspondencia constitúe un dos conxuntos documentais máis relevantes da escritora, tanto polo número de cartas que o compoñen como polo período de tempo que abrangue.
A RAG está considerada o depósito de referencia máis importante de Emilia Pardo Bazán e recibe de forma continuada consultas e demandas sobre a vida e a obra da escritora procedentes de todo o mundo.