Mario Vargas Llosa visita a Academia
A Real Academia Galega e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán recibiron a visita do premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa, que estes días se atopa na Coruña para participar nun seminario internacional sobre a súa obra na UDC. O escritor foi recibido na rúa Tabernas polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a tesoureira, a académica Marilar Aleixandre.
Mario Vargas Llosa asinou no libro de ouro da RAG e mais no da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. "Foi moi emocionante visitar esta casa onde está tan viva a presenza de dona Emilia. Como modesto académico pídolle desculpas por non admitila na Real Academia da Lingua Española, á que honraría e e enriquecería a súa presenza", escribiu neste último.
Víctor F. Freixanes agasallou o escritor cun exemplar de Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos, da colección Clásicos da Academia; e outro de Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas! As sete cantigas, coeditado pola RAG, a Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia.